Alfonso Rueda: "Os galegos teñen que estar orgullosos duns servizos públicos de primeiro nivel"

A sanidade, o papel do Goberno central na economía, a traxedia de Cercedo-Cotobade ou a súa chegada á presidencia da Xunta son outros dos temas abordados na intervención do Nadal

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2022 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dirixiuse este sábado aos galegos na tradicional mensaxe de fin de ano, no que puxo en valor o dobre Ano Santo que finaliza agora e no que reivindicou a "responsabilidade, estabilidade e solidariedade" como "mellor carta de presentación" de Galicia.

Rueda protagonizou o seu primeiro discurso de Noitevella como titular do Goberno autonómico --cargo do que tomou posesión o pasado maio-- desde o Centro de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela, localización coa que reforza o peso do Xacobeo neste ano que termina.

"Nun día como o de hoxe, é inevitable botar a vista atrás e facer balance de todo o percorrido neste 2022. E facelo aquí, onde os peregrinos acreditan a súa chegada ao final de todos os Camiños, a Galicia. Eles superáronse para chegar ata nós, igual que o Camiño de Santiago superouse a si mesmo como nosa mellor carta de presentación ante o mundo", destacou.

O presidente da Xunta lembrou que durante 2022 foron 438.000 as persoas que recolleron a súa Compostela, ás que se suman as outras moitas que completaron a Ruta sen solicitar a credencial; ademais de bater a marca histórica de visitantes, de máis de seis millóns.

"CARTA DE PRESENTACIÓN DE GALICIA"

O titular autonómico tamén aproveitou para defender o que denominou como "carta de presentación de Galicia", os valores de responsabilidade, estabilidade e solidariedade, "especialmente relevante en momentos como este, cando estes principios resultan case rarezas".

Nesta liña, animou aos galegos a "sentirse moi orgullosos" duns servizos públicos "de primeiro nivel" e que cualificou ademais como unha das "maiores riquezas". Con todo, matizou que continuarán sendo "inconformistas" e aspirando "sempre á excelencia".

"A Xunta vai seguir facendo todo canto estea na súa man para ofrecer aos galegos a sanidade pública que merecen, para ofrecerlles unha educación que abra cada vez máis portas e para prestar a axuda que necesitan as familias con fillos ou que están a coidar a persoas dependentes", esgrimiu.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras o Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparece tras o Consello | Fonte: Xoán Crespo

PAPEL DO GOBERNO CENTRAL

"O traballo que fixemos desde Galicia nos últimos meses situou os novos investimentos ás portas. Agora só falta que o Goberno central, que ten as chaves da repartición, a abra para que entren a crear emprego, riqueza e un futuro mellor en Galicia", apuntou o presidente da Administración autonómica.

A traxedia ocorrida en Noiteboa no concello de Cercedo-Cotobade, onde un autobús se precipitou ao río Lérez, foi outro dos temas que tivo oco na súa intervención. Para Rueda, os equipos de emerxencias, profesionais de sanidade e forzas de seguridade son "referentes" que nestas datas "redobran esforzos".

CHEGADA Á XUNTA

Por último, Alfonso Rueda fixo referencia á súa chegada, este mesmo ano, á presidencia da Xunta de Galicia, cargo do que tomou posesión en maio tras a renuncia do seu predecesor Alberto Núñez Feijóo para tomar as rendas do PP desde Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta