Todo listo para as cabalgatas de Reis galegas: dromedarios, temática de cinema, contos infantís ou inspiración 'picassiana', todo vale

Recuperan o formato tradicional aínda que en Vigo haberaa estática e dinámica.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/01/2023 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

Os concellos dan os últimos retoques ás cabalgatas de Reis, nuns casos cun contido anunciado esta semana e noutros con antelación de cara a difundir entre a cidadanía a programación principal, o 5 de xaneiro, para o goce dos máis pequenos.

Os consistorios das cidades galegas, consultados por Europa Press, apuntan á "normalidade" na celebración das mesmas (tras os cambios pola pandemia) coa combinación nalgún de cabalgata estática e dinámica polo éxito obtido coa primeira fórmula debido ao covid.

No Concello de Pontevedra, indicaron que se volverá ao formato anterior á pandemia, discorrendo polas rúas principais da cidade e cun número de carrozas e de participantes "similar ao de anos anteriores", ademais das tradicionais dos tres Reis Magos.

En Vigo, haberá dúas cabalgatas: unha estática e unha dinámica, a primeira na mañá do 5 de xaneiro na avenida de Castelao e a segunda pola tarde, partindo da praza América e finalizando no paseo de Alfonso XII, co acto de recepción das súas maxestades en Porta do Sol. Todo con temática de películas infantís e cun servizo de animación, no que haberá cantantes, bandas e baile, entre outras propostas.

Desde Ourense, confirmaron que os Reis Magos e o seu séquito real chegarán na tarde do 5 de xaneiro á cidade en AVE, como fixeron o ano pasado. Desde a estación do tren continuarán ata chegar á Alameda para terminar na praza Maior, onde será a recepción. Os Reis Magos farán o seu percorrido a lombos dos seus dromedarios e acompañados de todo o seu séquito.

OUTRAS PROPOSTAS

En Lugo, a área de Cultura avanzou unha "gran cabalgata" co título 'A gran viaxe' e cun percorrido, a partir das 18.00 horas, desde a praza da Milagrosa e con previsión de chegar ao consistorio ás 19.30 horas.

O percorrido contará con catro carrozas e 11 espectáculos, baseado na viaxe dos Reis Magos, representando aos animais e os elementos patrimoniais "máis recoñecibles de Oriente". Haberá, ademais, unha repartición de 2.000 quilos de caramelos.

Na mesma liña, os concellos de Ferrol e A Coruña confirman as tradicionais cabalgatas. No caso do primeiro, cun percorrido que será desde as 18.00 horas ás 20.00 horas e que concluirá coa recepción na carpa de Nadal, na praza de Armas.

Será nunha xornada na que haberá, previamente, pasacalles dentro da programación do Nadal. Ademais, nas carrozas e, tras previa inscrición, participarán 55 nenos e nenas, con prazas, un total de sete, reservadas para menores con diversidade funcional ou mobilidade reducida.

Na cidade herculina, serán 235 figurantes nunha cabalgata que partirá ás 18.00 horas desde A Sardiñeira, na zona dos Mallos, e que fará un percorrido por distintos barrios para concluír na praza de María Pita. De inspiración 'piccasiana', a comitiva contará con 15 carrozas, cinco trens e 16 compañías artísticas e de animación.

Mentres, en Santiago de Compostela, coa participación de máis de cen nenos e unha comitiva de cinco carrozas, optouse polos contos clásicos e por personaxes que "figuran na imaxinación". Será nunha cabalgata que partirá ás 17.00 horas da praza da Mercé de Conxo para concluír na praza do Obradoiro, ao redor das 18.30 horas. Logo no Pazo de Raxoi as súas maxestades de Oriente atenderán as peticións dos máis pequenos.

Cabalgata dos Reis Meigos en Ourense
Cabalgata dos Reis Meigos en Ourense | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta