A nova PAC entra hoxe en vigor con oito novos reais decretos

Seis regulan cuestións ligadas á xestión das axudas e os outros dous á consecución dos obxectivos do plan estratéxico.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/01/2023 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A aplicación da Política Agraria Común (PAC) para o próximo período de programación 2023-27 entrará en vigor este 1 de xaneiro, regulada por un paquete lexislativo de oito novos reais decretos.

Os agricultores e gandeiros españois recibirán ao redor de 7.150 millóns de euros anuais de axudas procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Seis dos oito decretos aprobados regulan cuestións ligadas directamente coa xestión das axudas establecidas no plan estratéxico da PAC, mentres que os outros dous (nutrición sustentable de chans e uso sustentable de fitosanitarios) son de carácter regulatorio da actividade agraria, de forma que, aínda que non afectan as axudas da PAC, si contribúen directamente aos obxectivos establecidos no plan estratéxico.

En total, o paquete lexislativo da PAC está formado pola lei e 18 reais decretos, dos que xa se aprobaron 15. Os tres que faltan de aprobar refírense a penalizacións, potencial vitícola e benestar animal, e non condicionan a entrada en vigor do plan estratéxico, segundo precisou o Departamento que lidera Luís Planas.

Desta forma, o real decreto polo que se regula a gobernación do plan estratéxico da PAC en España e dos fondos europeos agrícolas Feaga e Feader establece a estrutura administrativa e os procedementos que permitirán a correcta execución do plan.

O real decreto de intervencións do plan estratéxico, requisitos comúns e solicitude única regulará as intervencións en forma de pagos directos: a axuda básica á renda para a sustentabilidade e os seus pagos complementarios (pago redistributivo e pago a novos agricultores e agricultoras), as axudas asociadas e os ecorrexímenes.

Ademais, neste real decreto figuran os requisitos comúns que afectan a todas as intervencións do plan estratéxico, como é o caso do de agricultor activo, e as definicións relevantes para estas axudas. Igualmente establécense todas as disposicións relativas ao sistema de solicitude única do sistema integrado de xestión e control.

Pola súa banda, o real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da PAC establece a normativa reguladora da conversión dos dereitos de pago básico actuais nos novos dereitos da axuda básica á renda para a sustentabilidade, que estarán vixentes para o período de aplicación 2023-2027. Nel regúlase o novo modelo de 20 rexións que serve de base para o cálculo do valor dos dereitos.

Mentres que a norma pola que se establecen as normas para a aplicación da condicionalidade reforzada e da condicionalidade social, establece o conxunto de obrigacións que deben cumprilos beneficiarios para poder percibir as axudas da PAC establecidas por superficie e animais, no marco dos pagos directos, o Feader e o Programa de Apoio ás Producións Agrarias de Canarias.

Vacas louras nun cercado ao aire libre nunha granxa de Ourense
Vacas louras nun cercado ao aire libre nunha granxa de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta