O TSXG obriga a unha empresa de repartición de auga de Ourense a readmitir a un traballador despedido por non vacinarse contra a covid

Os maxistrados sinalan que a compañía "non pode imporlle" que se vacine porque é unha cuestión "allea" á actividade laboral.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/01/2023 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigou a unha empresa de repartición de auga de Ourense a readmitir a un traballador, así como indemnizalo con 7.000 euros por danos morais, que fora despedido porque non se vacinara e, por tanto, non tiña o pasaporte covid.

O empregado prestaba servizo á empresa desde outubro de 2018 e en decembro de 2021 comunicóuselle por carta o seu despedimento disciplinario por "indisciplina ou desobediencia", así como incumprir a "boa fe contractual".

A compañía pedira aos seus traballadores que se vacinasen para poder efectuar as entregas, xa que moitas das instalacións que contrataban os seus servizos (segundo argumentaba a empresa) esixían certificado de vacinación para entrar.

No caso deste empregado, que facía ruta de repartición por Portugal, o empresario comunicoulle (tal e como consta nunha gravación de audio achegada á causa) que sería despedido se non se inmunizaba contra a covid-19.

O afectado presentou demanda ante o Xulgado do Social de Ourense, que en marzo de 2022 declarou procedente o seu despedimento. Así, contra este primeiro fallo presentou un recurso que foi estimado polo TSXG nunha sentenza con data de 14 de novembro, contra a que aínda cabe recurso de casación.

"NINGUNHA NORMA IMPÓN" A VACINACIÓN

O traballador, na súa apelación, alegou que a vacinación, como calquera outro tratamento médico, é un dereito ao que os pacientes se poden negar.

Así pois, o alto tribunal galego corroborou esta postura: "Non cabe identificar a negativa do demandante a vacinarse con indisciplina ou desobediencia no traballo, pois a vacinación é un dereito do cidadán, pero ningunha norma a impón, e, precisamente, a autonomía do paciente é un principio informador das actuacións no ámbito da sanidade".

Ademais, insisten os maxistrados, a vacinación "nada ten que ver" coa actividade laboral, xa que é unha cuestión "allea ao traballo". "Ten que significarse tamén, que nin sequera a vacinación, como xa era coñecido no momento do despedimento, e á marxe dos seus beneficios para evitar a evolución máis grave da doenza, podía impedir os contaxios", agrega a sentenza.

Tamén destaca que a actividade de repartición "tampouco era motivo, pola súa natureza, para unha especial intervención da empresa" ao esixir o certificado covid, porque o traballo non implica "un contacto estreito e duradeiro no tempo con colectivos especialmente vulnerables".

Así mesmo, en contra dos argumentos da empresa para o despedimento, os maxistrados do TSXG non consideran que o empregado quebrantase a boa fe contractual, pois "exerceu unha opción lexítima como é a de non vacinarse, vacinación que o empresario non pode imporlle ao ser unha decisión propia do seu ámbito persoal".

Enfermeira fornecendo unha vacina
Enfermeira fornecendo unha vacina | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta