Todo o litoral galego, excepto A Mariña, en alerta pola chegada dun temporal costeiro

O nivel de aviso será laranxa para a Costa da Morte, mentres que no resto será amarelo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2023 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta acaba de activar senllas alertas por temporal costeiro en todo o litoral galego, coa excepción da Mariña. O nivel de aviso será laranxa para a Costa da Morte, mentres que no resto será amarelo.

En concreto, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno adverso de nivel laranxa comezará no oeste da costa coruñesa con ventos do suroeste de forza 7, que localmente poden alcanzar a forza 8 e os 74 quilómetros por hora en Cabo Vilán.

En canto ao noroeste e o suroeste do litoral da Coruña, a alerta será amarela por ventos de suroeste de forza 7 e ata 61 quilómetros por hora.

Ademais, en toda a provincia de Pontevedra, haberá un aviso amarelo por precipitacións de 15 milímetros nunha hora. No oeste e o suroeste da Coruña, espéranse acumulacións de 40 milímetros en 12 horas.

Neste contexto, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112, informou da situación aos concellos, deputacións, servizos provinciais, servizos de Protección Civil e clubs náuticos afectados, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén recomenda extremar as medidas de seguridade para realizar calquera actividade no mar e revisar os amarres das embarcacións.

Ondas superiores a 8 metros en Praias de Riazor e Orzán, na Coruña
Ondas superiores a 8 metros en Praias de Riazor e Orzán, na Coruña | Fonte: M. Dylan

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta