O anteproxecto de lei do litoral de Galicia contempla a creación dunha rede de establecementos turísticos

Os locais darán servizo ás persoas usuarias do litoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2023 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O anteproxecto de lei de ordenación do litoral de Galicia contempla o impulso á creación dunha rede de establecementos turísticos "ao servizo dun turismo de calidade, diversificado e desestacionalizado" que favoreza "o desenvolvemento sustentable do litoral".

O texto, que viu o Consello o pasado 15 de decembro e que recolle Europa Press, incorpora unha listaxe de actuacións estratéxicas, entre as que se inclúe, "en relación coa competencia exclusiva sobre a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade", a creación dunha rede de establecementos turísticos do litoral.

Respecto diso, especifica que os establecementos da rede "proporcionarán servizo de aloxamento de forma temporal ás persoas usuarias do litoral".

E engade, tal e como adiantou a conselleira de Medio Ambiente despois de que o anteproxecto fose analizado polo Consello, que "a rede de establecementos turísticos crearase a partir da recuperación ou rehabilitación de edificacións preexistentes, de especial valor arquitectónico, histórico ou cultural, situadas na área de mellora ambiental e paisaxística do litoral".

Segundo o documento, "non poderán existir establecementos da rede na área de protección ambiental do litoral, salvo que o permitan as normas reguladoras dos espazos naturais afectados".

Os establecementos da rede si poderán situarse en zona de servidume de protección, "sempre que se trate de edificios previamente destinados a uso residencial e que veñan ocupando lexítimamente o espazo en aplicación do dereito transitorio da Lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas".

"Nestes casos, deberase presentar unha declaración responsable de cumprimento das condicións establecidas neste artigo de conformidade co establecido no artigo 48 desta lei", apunta.

Para estes efectos, engade que "non se considera cambio de uso o cambio de clase ou categoría dentro do uso residencial".

As intervencións nas edificacións estarán suxeitas á normativa de patrimonio cultural de Galicia e ás condicións paisaxísticas establecidas nos catálogos da paisaxe, segundo o anteproxecto.

Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro
Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro | Fonte: Gustavo da Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta