Goretti Sanmartín (BNG): "O 2023 vai ser o ano do BNG en Compostela"

Buscará "aglutinar todo o voto de descontento da esquerda" de Santiago e ve a Bugallo "esgotado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, asegura que vai "a por todas" para ser alcaldesa e buscará "aglutinar todo o voto de descontento da esquerda" de Santiago, xa que considera que o goberno de Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) está "absolutamente esgotado".

Nun almorzo informativo, a candidata a alcaldesa avanzou que dará a coñecer en febreiro a primeira parte da lista do Bloque ás municipais, onde se xuntarán rostros novos con xente con experiencia e "capacidade de xestión".

Así, Sanmartín levará a cabo encontros con diferentes colectivos veciñais e asociacións para coñecer as súas reivindicacións. Igualmente, chama á cidadanía a porse en contacto co BNG para trasladar as súas peticións.

De tal forma, afirma que se atopa en "un momento moi emocionante" para que se produza un cambio a partir das eleccións de maio, co que se sitúe a Santiago "na vangarda" e se axilice a "maquinaria" do Concello. Aquí, apunta á importancia de que o tecido produtivo "se diversifique" da man da innovación e a USC.

Considera que a capital de Galicia necesita "un salto", cun "reequilibrio" entre a cidade e rural que termine cunha "discriminación histórica", para o que pon de referente a seguir os municipios con "marca BNG". Aposta por que a xente "non estea resignada", pois cre que "un dos grandes erros do PSOE" foi non avogar pola "participación" e "esquecer o pulso da cidadanía".

"PERSPECTIVAS MOI BOAS"

"Temos perspectivas moi boas", sentenza Goretti Sanmartín, quen expón que nos últimos comicios ao Congreso e Parlamento galego os mellores resultados do Bloque nas cidades producíronse en Santiago, con apoios próximos ao 30%.

Respecto diso, augura que "2023 vai ser o ano do BNG en Compostela", o que contrapón cun goberno de Bugallo "sen ideas", "dividido" e con falta de ambición para reformas pendentes como un cambio na mobilidade, humanización, loita contra o cambio climático e rehabilitación do centro histórico.

Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez
Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta