Hai medios tradicionais que morrerán matando

Nas empresas e entre os profesionais do negocio de informar hai un debate condenado a perpetuidade: que responsabilidade teñen os xornalistas de xornais ou emisoras de propiedade privada nas manipulacións informativas ou na difusión de medias verdades e mentiras?. O xornalista e ex reporteiro de La Voz de Galicia, Félix Soria, fai un repaso nesta crónica sobre a responsabilidade dos informadores e dos medios na crise actual do xornalismo.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/12/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Cando se formula este asunto e tras barallar mil e un argumentos —con abundancia de circunloquios que conducen a ningures—, case sempre se chega a unha quella: un asalariado está condenado a "tragar", ou pola contra acaba perdendo o emprego, é castigado salarialmente, sometido a constante acoso profesional —ata que el mesmo remate por illarse— ou como mal menor, é acantoado.

Redacción dun medio galego
Redacción dun medio galego

Desgraciadamente, salvo contadas excepcións, cando o propietario (ou os seus representantes: o director e o seu equipo de confianza) decide que o medio beneficie ou se poña ao servizo dun goberno, un partido, unha entidade ou unha empresa, o xornalista que incumpre ese criterio sofre máis pronto que tarde represalias e ás veces é despedido, ou ben "invitado" a xubilarse anticipadamente se a idade e a lei o permiten.

As "guerras" en defensa da honestidade profesional sempre rematan ca derrota do traballador.

O xornalista xa non é o "dono" da información

Negar que as empresas acaban aplicando medidas coercitivas é faltar á verdade, ben sexa por inxenuidade ou por interese; sen esquecer que nas empresas do sector da información (como en calquera outra actividade) hai asalariados e sobre todo mandos intermedios —os ben chamados jefecillos— dispostos ao que sexa con tal de gañar privilexios, obter un plus extraordinario na nómina, ou ben medrar na nomenclatura da redacción ou da empresa.

Para colmo, esa realidade adoita ser obviada polas asociacións da prensa e entidades similares. Só nos colexios de xornalistas e ás veces nos sindicatos se fala do asunto, aínda que rara vez en convocatorias ou publicacións de acceso público.

Unha mestura de vergoña, corporativismo e medo a prexudicar o negocio da información (e indirectamente aos seus traballadores) acaba frustrando case todas as iniciativas que tratan de abordar sen rodeos o problema máis capital de cantos padecen hoxe os medios: a constante perda de credibilidade.

Para xustificar esas e outras inhibicións, as asociacións da prensa alegan que as diferenzas entre empresarios e traballadores son alleas ás súas funcións (aínda que a orixe da discrepancia ou do conflito sexa deontolóxica) e outros argumentan o contrario, que o problema non é estritamente laboral e polo tanto o sindicato non pode ou debe intervir.

Esa renuencia a tocar tan espiñento asunto favorece ás empresas e contribúe poderosamente a que na maioría dos medios tradicionais as decisións informativas de orde estratéxica e mesmo as cotiás sexan adoptadas polo propietario e o seu sanedrín ou peor aínda, tómenas os contables e/ou os comerciais da compañía.

A deterioración vén de lonxe

Nos últimos anos da década de 1980 e primeiros da seguinte constituíronse consellos de redacción en numerosos medios escritos e audiovisuais. A creación deses organismos, instrumento que chegou a España con máis de vinte anos de atraso respecto de países como Francia ou Gran Bretaña, adoeceu das mesmas taras que outros cacarexados avances da chamada Transición, que en teoría a esas alturas xa concluíra: importaba máis dar aparencia de rigor que garantir os seus beneficiosos efectos.

Por se fose pouco, en Galicia e España eses consellos naceron cun defecto de orixe que era e aínda é imposible de remediar: os directores informativos dos medios (sexan xornais ou emisoras) exercen de representantes da empresa e chegado o caso, as súas decisións son practicamente sempre empresariais, aplicando criterios comerciais, publicitarios e políticos, prevalecendo sempre estes por enriba dos informativos.

Hai medios nos que informar xa non é o esencial

Hai medios nos que as funcións contable e ideolóxica do director xa son percibidas como "naturais". Practicamente ningún xornalista que traballe nun medio de certo tamaño se formula a posibilidade de que o director faga piña cos seus colegas de profesión.

Os episodios nos que o director dun medio alemán, francés, belga ou británico tomou decisións informativas na contra dos criterios comerciais ou socio-políticos da empresa apenas concitan interese en España, e iso cando hai noticia deses casos! Aquí e agora alúdese a ese tipo de episodios coma se o director tivese protagonizado un feito excepcional, cando en realidade alí non o sexa.

En España, a cultura xornalística ou informativa é unha máis das materias que durante a Transición se aprobou cun 5 ou un 6 e nalgunhas ocasións, poucas, cun notable; mais logo, en cursos sucesivos, o sector suspendeu a materia ano tras ano, ata o extremo de dar por bo que as empresas se organicen verticalmente e se impartan ordes sen razoamento que as avale.

Ao tempo, case todos os xornalistas foron máis ou menos forzados a asumir como algo consubstancial ao oficio a existencia de conivencias entre o medio e o poder político e unha ou varias empresas (sobre todo cando estas son económicamente poderosas e invisten elevadas sumas en publicidade).

As renuncias danan o negocio e aos profesionais

Esas taras contan coa bendición ou o silencio de organizacións profesionais, gremiais e sindicais. Proba diso foi, por poñer un exemplo, que a pesar das existencia de probas irrefutables demostrativas de que La Voz de Galicia estaba sendo utilizada para beneficiar a un negocio privado (o proxecto da mina de Corcoesto) ningunha entidade profesional ou sectorial se pronunciou ao respecto, tampouco os gabinetes de comunicación a pesar de que a súa credibilidade e mercado tamén foron prexudicados polas prácticas nepotistas que caracterizaron a operación.

A actitude da empresa propietaria do diario era lexítima, criticable pero legal e lexítima, non así o silenzo da Asociación da Prensa da Coruña, máis preocupada por temperar gaitas que por defender a credibilidade dos asociados e dos propios medios.

Nese escenario, trufado de conivencias que xa son consideradas "naturais" e no que os medios toman partido sen escrúpulos, venden proxectos privados ou dan por certas as flagrantes mentiras e manipulacións dun goberno ou do director dunha caixa de aforros, esixir responsabilidades aos xornalistas é un despropósito.

A sociedade inflúe na evolución dos medios

O problema é tan profundo e encistouse con tanta solidez nalgúns medios convencionais que a estas alturas xa só poden resolvelo os lectores, radioíntes e telespectadores.

No caso dos medios privados é a difusión ou a audiencia a que decide todos os días (sempre con inevitable lentitude) que medios sobreviven. Desgraciadamente —sexamos sinceiros—, as decisións que adopta o mercado están condicionadas polos medios que máis se len, escoitan e ven... O pez mórdese a cola.

Mentres que no caso dos medios públicos (emisoras de radio e televisión), poñer fin ás perversións informativas nin sequera está nas mans do mercado nin dos cidadáns, senón que depende dos lexisladores (deputados), polo que en certo modo se repite o paradoxo do peixe que se morde a cola.

Non sei  vostede, amable lector/a, pero persoalmente teño o convencimento de que as empresas (non todas) son as menos interesadas e as que menos se implicarán no labor de que o traballo de informar recupere o respecto social que perdeu, que segue perdendo.

Agás que as organizacións profesionais e sindicais deixen de lavarse as mans e de parcelar as súas competencias, deslindando o laboral do profesional —cousa que en información é un exercicio erróneo ou acaso interesado—, a situación seguirá degradándose e a pelota rematará definitivamente no tellado do mercado e, polo tanto, a criterio dos lectores, radioíntes e telespectadores.

O reto é aproveitar o cambio de paradigma

Ese proceso e degradación, que se iniciou hai 8/10 anos, ten arrevesado un pouco máis cunha circunstancia que pode ter nefastas ou beneficiosas consecuencias no medio e longo prazo: se os malos hábitos dos medios tradicionais persisten, o cambio de paradigma a que obriga a internet só terá efectos tecnolóxicos e estéticos, de modo que se perderá unha ocasión extraordinaria —quizais irrepetible— para que o sector da información adopte criterios racionais, de maneira que existan medios con ampla cobertura que polo menos poñan tanto interese en informar como en obter beneficios económicos.

A pregunta coa que arrancaba este texto, sobre o grao de responsabilidade que teñen os xornalistas, tomados un a un e tendo en conta que son asalariados tanto ou máis precarizados e maltratados que o resto dos traballadores galegos e españois, ao meu parecer ten unha resposta clara: os xornalistas en xeral non só son alleos ás decisións anti-informativas, senón que mesmo é comprensible que pechen os ollos porque o seu pan está en xogo.

Intentemos ser realistas e ecuánimes

Vostede cre que son corporativista? É vostede moi dono de ter opinión ao respecto, pero permítame explicar que só intento ser realista e, sobre todo, ecuánime ao considerar unha ignominia cravar o coitelo nos xornalistas, tomados un a un, nunha sociedade que considerou comprensible que ningún traballador de banca ou das caixas levantase a voz para protestar ou denunciar a comercialización irregular ou ilegal das preferentes.

Hai máis exemplos que avalan a non culpabilidade dos xornalistas, tomados un a un, e todas as pelotas rematan sempre no tellado do mercado e da cidadanía.

Máis sinxelo: aos cidadáns comúns non nos convén votar a opcións políticas que permitiron ou non combateron con suficiente empeño a corrupción nas institucións, e por razóns similares tampouco nos convén comprar nin poñer atención aos medios que supeditan a información á rendibilidade ou a intereses políticos.

A estas alturas non vale xulgar todo e a todos marcando distancias que xa non existen.

Xa está ben de limpar a almofía tirando o neno e gardando a auga sucia!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antonio Gregorio Montes

Falaría máis ben que dun peixe que morde a cola, de retroalimentación positiva e negativa. O bucle de alimentar pouco a pouco a certos medios favoréceos e cerra posibilidades a outros, que rematan desaparecendo, e con eles, as súas liñas, a posibilidade de riqueza de posibilidades dos lectores e tamén a da riqueza de alternativas dos periodistas. Hai xa tempo, abondo antes que a actual crise dos medios, que os xornais de base obreira foron caendo. Non? E non é algo do que aprender?

1 Felix

O campo da loita de clases é imposible de tratar nun artigo, en tanto que o campo da loita a prol da honestidade empresarial e a ética profesional no mundo da información é manexable, refírome só a el cunha referencia á relación medios-sociedade. Noutro campo, sempre que a información con perspectiva de clase cucuta a nariz é batida sen piedade, ben con armas económicas ou ben xurídicas; neste sentido o Gotha económico e o poder político son moi eficientes: o primeiro traballa na creba deses proxectos e o segundo, os desacredita e mesmo os pecha (caso Egunkaria). Hai xornalistas que tentan (tentamos) introducir criterios de clase nos medios convencionais, pero os editores e os seus representantes e máis o Estado teñen moita experiencia na prevención e erradicación. No artigo preferín falar de cousas sinxelas: as manipulacións dos “señores” e a pasividade dos “servos”.