Desactivada a alerta por seca en toda a demarcación Galicia-Costa

As choivas das últimas semanas devolveron a niveis normais os sistemas que permanecían nesta situación

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O estado de seca prolongada quedou desactivado en toda a demarcación hidrográfica Galicia-Costa despois de que as precipitacións rexistradas nas últimas semanas devolvesen a niveis normais as canles dos sistemas que aínda permanecían baixos.

O río Tambre, desbordado ao seu paso polo concello de Oroso, na Coruña
O río Tambre, desbordado ao seu paso polo concello de Oroso, na Coruña | Fonte: César Arxina - Europa Press.

O levantamento desta medida de prevención foi acordada na reunión da Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

O encontro constatou a evolución positiva iniciada en novembro, que continuou coas choivas de decembro e que permite recuperar valores de normalidade, tamén nos sitemas nos que aínda persistía a declaración de seca.

Estes eran os sistemas do río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita); río Tambre; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; río Mandeo e ría de Betanzos; río Eume e ría de Ares; e Ferrol. Súmanse agora ao resto da demarcación, que se atopa en valores de normalidade desde principios de decembro.

E é que as precipitacións de decembro foron uns 59% superiores aos valores medios da serie histórica, aínda que o impacto foi menor na zona este de Galicia, onde se rexistraron choivas por baixo da media

Deste xeito, a Oficina da Seca destaca decembro de 2022 como un mes "moi húmido", principalmente nas provincias de Pontevedra e o sur da Coruña, con moitos puntos nos que se superaron os 500 litros por metro cadrado acumulados.

A tendencia manterase este mes de xaneiro, segundo as predicións que manexa Meteogalicia, con situacións intermedias para esta semana que achegarán humidade e precipitacións, aínda que por baixo das das últimas semanas.

Así as cousas, os datos que manexa este organismo no que participan distintos departamentos da Xunta reflicten que os caudais dos ríos sitúanse por enriba dos valores habituais para esta época do ano despois dunha "importante recuperación nas últimas semanas".

Os encoros en Galicia-Costa (demarcación que depende da Administración autonómica) están ao 75,57% da súa capacidade, cifra similar á de hai un ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta