O cambio climático xa é unha realidade: 182 días de calor por enriba do normal rexistrou Galicia ao longo do 2022

Pola contra, os días de frío por debaixo da media histórica caeron en 86, ata quedarse únicamente en 91.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cun mes de decembro atípico no que a temperaturas se refire, consecutivo aos tamén cálidos meses de novembro e outubro, ninguén pode negar que o cambio climático estase a facer patente en Galicia. Un outono cheo de chuvia e con poucas xeadas foi o que nos acompañou o pasado 2022, mentres que este inverno, do cal transcurriron xa vinte días, non ten pinta de levar unha tendencia moi diferente á vivida. 

Unha muller porta un paragua para resgardarse do sol no primeiro día da segunda onda de calor de 2022
Unha muller porta un paragua para resgardarse do sol no primeiro día da segunda onda de calor de 2022 | Fonte: Arquivo

Mais como non todo vai ser falar por falar, vamos botar man das mellores evidencias: os datos, servíndonos da web do investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé, que ten calendarios nos que rexistra a diario se a temperatura é habitual e en consonancia coa media para a época do ano, ou está por enriba ou por debaixo. 

A sorpresa ao analizar pormenorizadamente estes datos é maiúscula. Galicia tivo o pasado ano 2022 nada menos que 182 días de calor anormal, é dicir, días máis cálidos do que a media histórica marca. Por se esta cifra non fose o suficientemente ilustrativa, índonos ao ano 2012, é dicir, unha década cara atrás, observamos que ese número de días máis cálidos do frecuente era de 120. En dez anos aumentaron en 62, é dicir, un 52 %.

Pola contra, os días de frío anormal reducíronse notablemente, máis incluso do que creceron os de calor. Así, ao longo do ano 2022 rexistráronse un total de 91 días de máis frío do habitual, fronte aos 177 do 2012. A perda de días de frío máis intenso sería de 86, é dicir, un 53 % menos. Cómpre reflexionar entón que a media de temperatura foise incrementando ao longo destes últimos dez anos.

A CIDADE DA CORUÑA PRESENTA OS MAIORES EXTREMOS

Unha muller frega as mans polo frío
Unha muller frega as mans polo frío | Fonte: Arquivo

Falando máis en concreto dos datos arroxados polas sete grandes urbes galegas, obtemos que no que respecta á perda de días de frío, é a cidade da Coruña a que ostenta peores datos: de 2012 a 2022 reduciu os días de frío anómalo en 105; seguida de Santiago de Compostela, que o fixo en 100; e de Ferrol, que o fixo en 92. Por detrás estarían Ourense (- 85), Lugo (- 83), Vigo (- 72) e Pontevedra (- 66).

Así mesmo, tamén é A Coruña a cidade co maior incremento de días de calor por enriba do frecuente, con 78 máis en dez anos; seguida, neste parámetro, de Lugo, con 77 máis de calor intenso dende 2012; e Ourense, con 65. Por detrás: Santiago e Pontevedra (+ 57), Vigo (+ 52) e Ferrol (+ 46). 

Pasando a analizar as temperaturas máis extremas, os días de moito frío foron este 2022 un total de 33 menos na cidade de Ourense, 30 na de Vigo, 27 na de Lugo, 26 na de Santiago e A Coruña, 18 na de Pontevedra e 17 na de Ferrol. E os de moito calor foron 33 máis que hai dez anos na de Ourense, 32 máis na de Pontevedra, 30 máis na de A Coruña, 27 máis na de Santiago, 25 máis na de Lugo, 17 máis na de Ferrol e 16 máis na de Vigo.

XANEIRO, MES CON MÁIS DÍAS DE CALOR ANORMAL EN SANTIAGO, FERROL E PONTEVEDRA

Outro dato curioso está tamén nos meses nos que se rexistraron días con valores de temperatura extremadamente elevados. Por exemplo, na cidade de Santiago, o mes con máis valores anómalos por riba da media foi xaneiro (22 días, nove deles de calor extremo), seguido de xuño (20 días, trece extremos) e de abril e decembro (ambos con 19 días por enriba do habitual, e trece e dez, respecitamente, de moita calor).

Na cidade da Coruña, foi o mes de maio o máis cálido por riba da media (25 días de calor anormal, 14 deles moito máis do normal); seguido de xullo e outubro (23 días, 10 e 8 moito por enriba do que é frecuente para a época do ano); e de novembro (19 días, seis de moito calor). En Ferrol, foron xaneiro e xullo (19 días con valores anómalos e seis e once, respectivamente, moito máis anómalos), seguidos de maio (18 días, con 10 de moito calor) e decembro (17 días, con 12 moi por enriba dos valores habituais).

Xa na provincia de Pontevedra, a cidade do Lérez rexistrou nada menos que 21 días con temperaturas extremadamente cálidas para a época nos meses de xaneiro e xullo (once e catorce, respectivamente, de moito calor); tendo tamén meses moi atípicos en febreiro, maio e decembro (18 días cos termómetros por enriba do normal); e o de marzo (con 14, sete deles de moito calor). Na cidade de Vigo, foi xullo o mes máis destacado (26 días que superaron os valores de temperatura frecuentes, quince de moito calor), seguido de decembro (con 20, dous moi cálidos) e de agosto (con 19, once extremadamente calurosos).

En Lugo destacaron os meses de agosto (24 días máis cálidos do habitual, con 14 moi calurosos), de xullo e decembro (21 días, dos que once e doce, respectivamente, foron extremadamente cálidos para a época) e de maio (20 días, con once cos termómetros demasiado elevados para o frecuente). Finalmente, en Ourense, sobresae o mes de agosto (23 días por enriba da normalidade, con 14 extremadamente por enriba), os de xaneiro e decembro (22 días anómalos, con seis e dez de termómetros moi superiores ao que deberían para a época) e febreiro (19 días por enriba do frecuente, nove deles moi calurosos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta