A adestradora de baloncesto Maite Méndez e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, premios Cidade de Pontevedra 2022

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/01/2023 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

Os premios Cidade de Pontevedra de 2022 xa teñen gañadores. O xurado decidiu, este xoves, 12 de xaneiro, por unanimidade, que a adestradora do Club Baloncesto Arxil, Maite Méndez, logre o galardón na categoría de persoa física. Doutra banda, a Orquestra Sinfónica de Pontevedra fai o propio na categoría de persoa xurídica.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carmen Fouces, comunicou a decisión do xurado desvelando que "foi un debate rico" no que "houbo moitas argumentacións" por parte dos integrantes do xurado que tardaron máis do habitual en acordar a súa decisión. "Estivemos bastante tempo porque había moito que falar", sinalou na súa comparecencia.

Sobre a figura de Maite Méndez primou na decisión do xurado que "leva toda unha vida entregada ao traballo social e deportivo" tras ser a adestradora de "miles e miles de mozas que atoparon no deporte un lugar interesante para crecer como persoas".

No caso da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, destácase que é "unha entidade cultural cun traballo altruísta e vocacional inmenso desde hai 16 anos" e que mantén tres orquestras. Ademais, o xurado subliña o traballo realizado ao longo do último ano dentro da perspectiva de xénero, tanto para dentro como para fóra, con ciclos como 'Mulleres e inspiración', presentado en maio do ano pasado.

"Este ano debemos congratularnos porque houbo un número importante de propostas, sobre todo en persoas físicas", indicou Fouces. Concretamente, foron 5 propostas no apartado de persoas físicas e dúas no de xurídicas "todas elas merecedorísimas dos premios Cidade de Pontevedra. Calquera delas é unha proposta gañadora".

A diferenza das anteriores edicións destes premios, a identidade das candidaturas que non serán galardoas co Teucro de prata non se desvela, aínda que son públicas porque así o esixe o trámite administrativo. Con este cambio preténdese que non se vexa a estas propostas como "perdedoras", co que tamén se evitan "comparativas odiosas".

"Sempre deu a sensación de que os que non son premiados son perdedores e non é así, nada máis lonxe da realidade", apuntou Fouces. Os Premios Cidade de Pontevedra serán entregados o 20 de xaneiro no Pleno de Honra que se celebra con motivo da festa patronal de San Sebastián.

A adestradora do Club Baloncesto Arxil, Maite Méndez, no centro da imaxe
A adestradora do Club Baloncesto Arxil, Maite Méndez, no centro da imaxe | Fonte: CONCELLO DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta