BNG quere que as confederacións hidrográficas colaboren en reparar os danos causados polas riadas nos concellos

Tamén o acondicionamento dos ríos que xestiona, para previr que a situación se repita no futuro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2023 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego en Ourense, Bernardo Varela, compareceu este xoves xunto ao deputado no Parlamento Iago Tabarés para anunciar que solicitará, no próximo pleno provincial, un acordo para demandar que a Confederación Hidrográfica Miño Sil e a Confederación do Douro colaboren no financiamento ou execución de obras para restaurar e reparar os danos nas infraestruturas públicas dos concellos afectados polas crecidas dos ríos.

"Un dos principais efectos das fortes choivas foron as crecidas", lembrou Varela, apuntando que estas "se viron agravadas" por unha "deficiente limpeza" e por un "escaso mantemento" das canles, que favoreceron "os tapóns que provocaron os danos" e que levaron a múltiples concellos ourensáns a "verse excedidos pola situación".

É por iso que demandará desde a organización nacionalista que a Confederación Hidrográfica Miño Sil leve a cabo o acondicionamento dos ríos que xestiona, para previr que a situación se repita no futuro, solicitando limpeza de sedimentos e maleza, así como traballos periódicos de mantemento.

Os nacionalistas sinalan que as infraestruturas afectadas "supoñen millóns de euros en danos" e, ata o momento, as administracións "ou non responden ou o fan para responsabilizar aos concellos". Por iso, o deputado ourensán proporá no pleno deste mes de xaneiro este acordo, no que tamén insta a todas as administracións supramunicipais a que poñan fondos para a recuperación das infraestruturas necesarias nos concellos.

Así mesmo, na súa petición inclúe a esixencia de colaboración das administracións estatal, galega e provincial con apoio financeiro aos municipios, abrindo liñas de axuda aos concellos afectados.

INICIATIVAS NO PARLAMENTO

Pola súa banda, o parlamentario Iago Tabarés deu conta das iniciativas presentadas no Parlamento, lembrando que foron 384 as incidencias notificadas ao 112 na noite de fin de ano, especialmente na provincia de Pontevedra e na de Ourense.

Por iso, esixen que a Xunta "lidere o apoio" aos concellos, "dado que a situación excede as capacidades municipais". Ademais, a formación frontista tamén demandou da Xunta un Plan de Protección do Patrimonio Histórico, que aseguran que tamén "resultou gravemente danado". En concreto, Tabarés referiuse ao patrimonio danado pola crecida "no río Arnoia, na fortaleza de Goián e en Mondariz Balneario".

Xunto a todo isto, reclaman un Plan de Medidas "para que a situación non volva producirse", porque insisten en que "as choivas foron o detonante dos danos, pero o estado previo dos ríos ou a construción en zonas inundables foron as que incrementaron os danos", polo que piden medidas "con carácter urxente".

Ríos e riadas de cinsa na Serra do Invernadoiro o 15 de novembro de 2020
Ríos e riadas de cinsa na Serra do Invernadoiro o 15 de novembro de 2020 | Fonte: Amig@s das árbores

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta