A Xunta impulsa os parques eólicos: aprobou o 70% das declaracións ambientais tramitadas

Leva tramitadas 64 declaracións ambientais de parques eólicos de 140 que debe emitir ata o 24 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia leva tramitadas 64 declaracións de impacto ambiental (DIA) para parques eólicos das 140 que debe emitir ata o 24 de xaneiro, data na que termina o prazo dado polo Ministerio de Transición Ecolóxica para que exista esa declaración (favorable ou desfavorable), posto que, en caso contrario, perderíase o dereito de acceso e conexión.

Diso informou a conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, quen carga contra o "capricho" do Ministerio para a Transición Ecolóxica de fixar este prazo límite para a emisión das DIA, xa que o día 25 termina "un fito" para estes 140 parques sobre os que hai que informar o seu impacto ambiental.

A preguntas da prensa nun acto en Santiago, a conselleira estimou que ao redor dun 70% das declaracións ambientais foron favorables, mentres que sobre o 30% restante son desfavorables. Aínda que remarca que as favorables son "condicionadas", de forma que o promotor decide se "o custo é maior ou menor, compensa ou non compensa" en relación cos requisitos, mentres que, posteriormente, Industria encárgase da autorización.

Neste sentido, Vázquez censura que "houbo unha total falta de planificación" por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pois se marcou ás comunidades "unha serie de fitos que non están avalados por nada, que é un capricho nun momento determinado". Isto implica "facer un esforzo enorme desde o punto de vista do persoal e simplificación", "por suposto, sen restar en ningún momento os criterios desde o punto de vista ambiental", apunta, con base nos informes sectoriais e consultas a municipios.

Considera que hai que avanzar cara a enerxías renovables, pero "con 'sentidiño". "As comunidades non podemos ser simples xestorías dun Ministerio con certos caprichos que non nos traslada nin persoal nin medios", reprocha. "O esforzo foi tal que desde finais de 2022 e o que vai de 23 emitimos 64 DIA", remarca, "traballando arreo para que a comunidade autónoma non teña ningún tipo de responsabilidade en relación a ese fito que marcou o Ministerio". "Espero que podamos cumprir", di.

Aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Chá,  en Mondoñedo / Carlos Castro / Europa Press
Aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Chá, en Mondoñedo / Carlos Castro / Europa Press

OUTRAS TRES DECLARACIÓNS OUTORGADAS

Este venres, déronse a coñecer as outorgacións das declaracións de impacto ambiental de tres proxectos eólicos máis. En concreto, trátase dos parques: Touriñán III-2, entre os municipios de Campo Lameiro, Cuntis e A Estrada; Orballeira, nos municipios de Quiroga e Ribas de Sil e A Rúa; así como o Cunca, no municipio de Vila de Cruces.

Así, o parque de Touriñán III-2 está impulsado por Greenalia, conta cun investimento de 22 millóns de euros e unha potencia de 24 megawatts, con cinco aeroxeradores. Está localizado a menos de dous quilómetros doutro parque eólico, o de Pico Touriñán. Este parque está en montes duns 800 metros de altura nos municipios de Campo Lameiro, Cuntis e A Estrada. Alí, atópanse hábitats de interese comunitario como breixos húmidos atlántico. Tamén se pediron medidas correctoras sobre bens culturais como petróglifos e 'mámoas'.

No tocante ao parque chamado Cunca, impulsado por Green Capital Power, conta cun investimento de 21 millóns de euros para instalar 22,5 megawatts, con cinco aeroxeradores. Acerca deste parque en Vila de Cruces, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe a finais de 2021 no que indicaba que "non é posible determinar con total seguridade que non se vaian a producir efectos negativos sobre os valores naturais". Posteriormente, o promotor realizou un escrito de resposta no que aceptaba as cuestións expresadas, polo que, en decembro de 2022, esta Dirección Xeral realiza un novo informe no que fixa que o proxecto é "compatible" coa preservación do patrimonio natural, aínda que se determinan diferentes condicionantes relativos á preservación de aves e morcegos.

Pola súa banda, o parque eólico Orballeira, promovido por Sinagra Investments SL, terá unha potencia de 33 megawatts, cun investimento de 24 millóns e cinco aeroxeradores. Entre as especies que se atopan no terreo deste proxecto entre os municipios de Quiroga, Ribas de Sil e A Rúa están a aguia real, o milano real e o oso pardo, todos catalogados en perigo de extinción, ademais de estar nunha zona cunha densidade media de lobo. No entanto, Patrimonio Natural considera que "non é previsible" que haxa efectos significativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta