María Dolores Fernández, Valedora: "Ás veces a Administración non acepta as queixas"

María Dolores Fernández Galiño foi elixida en 2019 como Valedora do Pobo, unha institución que se ben é coñecida por sectores sociais, partidos políticos e autoridades, a maioría das persoas decoñece o seu funcionamento e en ocasións, moitas das queixas demoran en ser contestadas ou son denegadas en canto transparencia administrativa.

Por Moncho Mariño | Santiago | 15/01/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Cre que a figura de Valedora do Pobo é suficientemente coñecida pola sociedade galega, que sabería como recorrer a ela en caso de necesitalo?
Podo dicir que a sociedade a vai coñecendo máis se temos en conta o incremento de queixas que entran. Isto vese na progresión da actividade desta institución en xeral. En 2020, o ano da pandemia, tivemos 1.900 queixas, en 2021 recibimos 2.900 e en 2022 rematamos con 4.600 asuntos, daquela, máis que duplicamos o noso traballo.

A valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño
A valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño

-Que funcións ten a institución da Valedora do Pobo?
A supervisión da actividade que realiza a administración e tutelando os dereitos humanos da cidadanía, esa é a prinicipal tarefa. As persoas diríxense a nós mediante a presentación dunha queixa. O procedemento é simple, preséntase a queixa xunto co número de DNI, se non levan un número de identidade legalmente non podemos realizar o trámite, e non se pide nada máis. É un procedemento gratuíto. A partir da presentación desa queixa iniciamos unha investigación e revisamos ese actuar da administración e concluímos cunha proposta ou sen ella, depende do resultado das pescudas.

-Realizan actividades para que a xente máis nova coñeza a figura da Valedora do Pobo e a institución que representa?
Si, porque para nós é importante que a mocidade saiba como funciona e cales son as competencias desta institución.Temos alumnado de Dereito facendo prácticas curriculares e tamén da Facultade de Filosofía. En principio é un esforzo, dado que unicamente somos vinte e unha persoas, mais é un esforzo recompensado precisamente para achegar esta institución á xente nova. Todos os anos concedemos un premio ao mellor TFG e TFM en materia de igualdade de xénero. É un premio que coido, ten abonda repercusión, o nivel de concorrencia é moi significativo, este ano presentáronse corenta e tres traballos. Os traballos premiados son publicados na nosa web, aí temos un apartado chamado “Falamos de Feminismo”. Dentro dese apartado publicamos traballos de especialistas na materia tanto de Galicia como do resto do Estado. Isto quere dicir que lle damos presenza aos premios entre autoras e autores cunha experiencia moi acreditada nesta materia. Debemos sumar a organización de xornadas onde procuramos ter como poñentes con xente nova. Por exemplo, organizamos unhas xornadas sobre os dereitos das persoas maiores en colaboración co Consello da Cultura Galega. Aí levamos a unha persoa máis nova para visibilizar a interxeracionalidade, concretamente un estudante de Dereito. Por outra parte, hai queixas relacionadas coa mocidade como unha presentada sobre a seguridade no campuso da USC. Tamén recibimos algunhas queixas sobre seguridade en bibliotecas onde vai estudar o alumnado. Ademais de todo isto, até aquí se achegan colexios para visitarnos e coñecernos. Isto débese a que temos unha área especializada en infancia e mocidade. Así, todos os anos tentamos facer xornadas en relación con este campo. O ano pasado abordouse o tema das agresións sexuais. Este ano fixémola sobre a saúde mental. Por tanto, eu entendo que estamos facendo un traballo importante de cara a xente moza para dar a coñecer a institución, tamén que se implique en actividades da institución ademais de presentar as queixas cando consideren necesario facelo.

O procedemento é simple, preséntase a queixa xunto co número de DNI, se non levan un número de identidade legalmente non podemos realizar o trámite, e non se pide nada máis.

-Por que alumnado de Filosofía?
Podo dicir que son moi interesantes as aportacións que fan os e as bolseiras desde Filosofía, non son tan numerosas como as de Dereito, mais debo dicir que a colaboración é moi satisfactoria. Vén xente que trae inquietudes moi formadas, lembro un caso en que esa persoa estaba moi focalizada sobre o tema do xénero, por poñer un exemplo.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na súa toma de posesión. VALEDOR DO POBO
A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na súa toma de posesión. VALEDOR DO POBO

-Se alguén sen moito coñecemento de causa, lle dixese que a Valedora do Pobo é unha figura mediadora entre institucións?
Diría que non está desacertado pois a nosa actividade en relación coas administracións é de persuadir, de convencer. A interacción coas diferentes áreas administrativas fortalece a nosa base, o noso funcionamento, o sistema democrático e penso que é bo visibilizar a boa relación entre as institucións cando falamos de defender os dereitos humanos.

-A defensa dos dereitos humanos tamén pode traer nalgún momento discrepancias entre institucións. Desde que está no cargo de Valedora viviu algunha situación onde houbo diverxencia de criterios?
Desde logo o que foi complexo para todos nós, pois ninguén estaba preparado, foi a pandemia. A nivel organizativo tivemos que adaptármonos toda a oficina dun día para outro. Adoptamos o teletraballo case que inmediatamente. Debo dicir que a resposta foi impresionante dada a nosa rápida adaptación. Aínda así, o esforzo implicou facer moitas conexións en remoto con diferentes administracións, áreas e persoas. A todo isto debemos engadir a sensación que tiñas coas mortes, a atención sanitaria que primeiro foi unha situación moi complexa, foi unha crise sanitaria. Tamén foi unha crise sociosanitaria con persoas chamando aquí e que vivían nunha situación de emprego e de economía somerxida e de súpeto non podía ir traballar, quedaba sen ingresos e moitas das administracións estaban pechadas. Esa xente pedía que a atendesen e preguntaban onde debían chamar, persoas que non podían ir axudar a parentes con problemas de mobilidade, problemas coa custodia de fillos ou renovar prestacións e non poder acudir. Esta situación tivo todos os elementos para considerala grave, complexa e con moita carga emocional.

-Dentro da observación dos dereitos humanos por parte da Valedora está a inmigración? Cales son os traballos nesa área?
Nós supervisamos esa actuación dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Aquí temos tido algún problema relacionado con algunha extradición dalgún cidadán de fóra casado cun ou cunha galega e con fillos. Logo hai temas non tan relacionados con inmigración senón con aspectos de vulnerabilidade como pode ser o empadroamento.

A COVID foi unha crise sociosanitaria con persoas chamando aquí e que vivían nunha situación de emprego e de economía somerxida e de súpeto non podía ir traballar, quedaba sen ingresos

-Cando presentan o informe anual, cales son as primeiras reaccións que lle dan desde as outras institucións autonómicas?
O informe preséntoo ao Parlamento por sermos comisionados da Cámara autonómica. É dicir, por lei preséntase ao Parlamento, a ningunha outra institución. Unha vez presentado con posterioridade hai dous momentos que son a miña comparecencia diante da comisión de peticións, onde os grupos parlamentarios fan unha serie de reflexións relacionadas co informe e eu respondo. Logo comparezo diante do pleno e os grupos dan a coñecer as súas posicións, eu nese momento non respondo. Sobre isto último, podo dicir que os grupos parlamentarios recoñecen o traballo desta institución, así podo percibilo. Cada grupo incide naqueles puntos que consideran oportunos e onde a actividade da Valdeora do Pobo é máis intensa: sanidade, educación, política social, inclusión e xénero. Quero dicir que para min é un debate moi enriquecedor.

-Falando sobre as cuestións de xénero, tense avanzado na concienciación sobre este tema dentro da clase política?
Debo dicir que Galicia ten músculo en tema de igualdade con leis pioneiras. En 2021, por exemplo, incluiuse como violencia de xénero a violencia dixital desvinculdada do ámbito da parella ou exparella, achegándose á definición de violencia de xénero do combenio de Estambul, que é a violencia sufrida pola muller polo feito de ser muller. Tamén se incluiu a violencia vicaria, aí foron pioneiros. Agora incluíronse tamén as vítimas de trata de vítimas con fines de explotación sexual, ampliando o concepto de violencia de xénero que hai na lei do Estado. Hai que avanzar máis? Evidentemente. Que podemos facer nós desde aquí no ámbito estrito da violencia de xénero? Pois por exemplo, iniciamos varias actuacións de oficio, mais falar do concepto de violencia de xénero, que é moi importante, fixemos unha actuacón que remitimos ao Defensor del Pueblo por ser de competencia estatal, para que se recoñeza como violencia de xénero aquela exercida sobre unha veciña, unha coñecida, que é unha violencia aleatoria por non ter vínculos de parella ou exparella, mais pode ter resultados fatais. Esas mulleres non poden acceder a mecanismos de protección  porque ese tipo de actuacións non están recoñecidas dentro do ámbito da violencia de xénero. Por tanto, os mecanismos restrictivos non se lles aplicaría aos agresores. Por desgraza, iniciamos unha actuación nese sentido logo dun crime contra unha rapaza de aquí, que non era conceptualmente violencia de xénero, debo dicir que o Defensor del Pueblo vinculou este crime a outro semellante no País Vasco. A partir de aí, o Defensor entrou en contacto con varios ministerios e de momento sabemos que a iniciativa está prosperando. Por outra parte, tamén temos iniciado investigacións de oficio para reivindicar formación específica en igualdade e sobre violencia de xénero cos sete colexios de avogados de Galicia, isto para darlle formación aos avogados. Dentro do ámbito sanitario, iniciamos investigacións relacionadas coa submisión química para coñecer os efectos deste tipo de violencia. Iniciamos actuacións sobre a formación que se imparte a policías e gardas civís en relación con este tema. Isto pedímolo a través da Delegación do Goberno porque non temos competencias sobre estes corpos de seguridade. Sobre acoso sexual e laboral estamos realizando un labor transversal introducindo a figura do mediador confidencial, unha figura que pode evitar que unha situación se enquiste.

temos tido algún problema relacionado con algunha extradición dalgún cidadán de fóra casado cun ou cunha galega e con fillos

-Considera entón que falta aínda asumir unha cultura do respecto entre as persoas para non invadir a nosa intimidade?
A violencia é estrutural, a discriminación é sistémica e histórica. A discriminación e a violencia existen. Por tanto, hai que incidir desde o primeiro momento? Desde logo, claro que se debe incidir nese tema e non trivializar até o punto de chegar a romantizar situacións como a celopatía.

-Sorprende que isto suceda entre xente moi nova.
Sen ánimo de xeneralizar, mais sorprende moitas veces que a través de libros, series ou filmes, se transmite unha imaxe do romanticismo e da relación de parella que ao mellor si chega a esa idea de canto máis celosa é unha persoa, máis te quere, cando é todo o contrario.

-Todo o dito até o de agora leva implícita a relación coa administración. Considera esa colaboración como boa?
Eu sempre digo que a relación coa administración é boa. Podemos ir a máis? Podemos ter máis axilidade na entrega de informes que solicitamos? Si, claro. Sempre cabe mellorar as cousas, mais temos unha relación de respecto e colaborativa. Nese sentido, o noso labor de persuadir argumentativamente é un esforzo en transmitir que hai unha obxectividade no momento de enfocar un problema. A postura da administración é de aceptar, ás veces non acepta, aínda que as aceptadas son o 90% das formulacións enviadas. A cuestión é solucionarlles problemas ás persoas.

Pedimos que se recoñeza como violencia de xénero aquela exercida sobre unha veciña, unha coñecida, que é unha violencia aleatoria por non ter vínculos de parella ou exparella,

-Como axudan á cidadanía na busca de acceso a información pública?
Nós, ademais de sermos a institución da Valedora do Pobo, presidimos a Comisión de Transparencia, ha representantes da Xunta, do Consello Consultivo, do Consello de Contas e da FEGAMP. Á parte disto, o que facemos aquí de cara á cidadanía é prestar atención presencial e telefónica, que é moi importante. É posible que a atención telefónica signifique máis de 10.000 chamadas por ano.

-Sobre a Comisión de Transparencia, como é o seu funcionamento?
Funciona tamén dun xeito informal. Cando as persoas acoden demandando información pública a unha administración pública e non lla proporcionan, o seguinte paso é vir á Comisión de Transparecia. As reunións son transparentes e nelas estúdanse os asuntos que entraron o mes anterior, cunha media de vinte asuntos. Resolvemos por unanimidade, ben considerando que o solicitado é información pública que debera prestar a administración. Se non se presta pode ser por non estimar necesario prestala ou porque a denegación pode estar xustificada.

-Como se coordinan as diferentes figuras equivalentes á Valedora co Defensor del Pueblo?
Temos unha reunión anual onde poñemos en común, este pasado 2022 foi a sanidade no medio rural. De momento estamos programando unha nova reunión que probablemente sexa o mes que vén. Hai unha colaboración fluída.

-Profesionalmente como se sente sendo Valdedora do Pobo?
Agradecida de que o Parlamento depositara a súa confianza en min. Tamén me sinto agradecida de poder servir á cidadanía e que a xente conte máis coa institución. Debo dicir que é unha responsabilidade moi grande mais é unha aprendizaxe constante. Non é un cargo de representación política. Creo que o sistema de maioría reforzada o que trata é garantir a nosa imparcialidade que é fundamental para entendernos coas administracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Maria Jose

Moi bonito todo. Pero por que ten tan pouca valoracion a institucion en internet? Cal e a sua efectividade? Cantas qeixas resolven? Moito presuposto qe non se traduce en nada. Controlar as administracions, como ? Cando non poden facer nafa se estas non responden!!!!