Os gandeiros galegos adicados á carne xa poden pedir axudas para paliar a crise de prezos

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería de Medio Rural, pola que se convocan algo máis de 17 millóns de euros en axudas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2023 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería de Medio Rural, pola que se convocan algo máis de 17 millóns de euros en axudas para os produtores de carne galegos co fin de mitigar as consecuencias da invasión rusa de Ucraína.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, trátase dunha "medida urxente, extraordinaria e excepcional" para compensar as dificultades económicas que está a atravesar o sector a causa do incremento dos custos de produción.

Deste xeito, o Goberno galego destina 17.156.000 euros, provenientes do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para aliviar as dificultades económicas ás explotacións produtoras dos sectores de vacún de carne, ovino, caprino, avícola e cunícola.

Estas axudas buscan contribuír a mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e a facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

Para acceder ás subvencións, os solicitantes deben ser titulares de explotacións que consten en alta no Rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA), entre outros requisitos.

De cara á concesión destas axudas, que se tramitarán en réxime de concorrencia non competitiva, determínanse unha serie de tramos asociados ao tamaño ou capacidade das explotacións beneficiarias.

Tal e como sinalou a Xunta, as persoas interesadas nestas axudas terán un prazo dun mes a partir do día seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia para presentar as súas solicitudes.

ESTRATEXIA DE DINAMIZACIÓN

Así mesmo, para consolidar o sector ata o ano 2030, esta semana presentouse a Estratexia de dinamización do sector cárnico, que busca situar Galicia como rexión produtora de referencia cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade.

Para conseguilo, e logo dun exhaustivo traballo de análise, diagnose e diálogo da man do conxunto do sector en colaboración coa Fundación Juana de Vega, a Xunta traballará no marco dunha planificación que se articula en 64 medidas e 174 accións estruturadas en seis eixos estratéxicos.

POTENCIACIÓN DO PAPEL DAS OFICINAS RURAIS

Por outra banda, o DOG publicou este venres o decreto polo cal se modifica a estrutura orgánica da Consellería de Medio Rural e que refunde modificacións anteriores. Así, plásmase unha estrutura e funcións da Consellería acordes cos principios de eficiencia e cumprimento tanto dos obxectivos fixados como da asignación e utilización dos recursos públicos. Entre as novidades destaca o cambio de denominación das oficinas agrarias comarcais, que pasan a ser oficinas rurais, potenciando así o seu papel e as súas funcións.

Vítor Fernández é un gandeiro que aposta pola gandeiría e a agricultura ecolóxica en Chantada
Vítor Fernández é un gandeiro que aposta pola gandeiría e a agricultura ecolóxica en Chantada | Fonte: XdL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta