Condenado a 11 anos de prisión un pai por abusar sexualmente da súa filla menor en Ferrol

A menor autolesionouse ante a "frustación provocada pola silencio propio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a once anos de cárcere a un pai por agredir sexualmente e de forma continuada á súa filla durante os anos 2016 e 2017, cando tiña entre 13 e 14 anos, en Ferrol. Os feitos foron denunciados o día 20 de decembro de 2019.

O fallo, facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este luns, sinala que tamén se lle impuxo a prohibición de aproximarse e comunicarse cos seus fillos por calquera medio durante vinte anos, así como nove anos de liberdade vixiada. Ademais, está inhabilitado, durante 16 anos, para calquera profesión que leve contacto con menores.

Deste xeito, os maxistrados consideraron na sentenza que o acusado é autor dun delito continuado de agresión sexual a unha menor de 16 anos con penetración. Os feitos, segundo a sentenza, ocorreron durante a convivencia da menor con ambos os proxenitores e, unha vez que se separaron, nos períodos de tempo en que visitaba ao seu pai.

O auto, datado do 9 de xaneiro, indica que a menor "sufriu un estado de shock que lle impediu falar do sucedido chegando a autolesionarse ante a frustración provocada polo silencio propio". Ademais, apunta que necesitou ser tratada por facultativos do Servizo de Saúde Mental da área Sanitaria de Ferrol do Servizo Galego de Saúde.

APLICACIÓN DA LEI DO 'SÓ SI É SI'

Así mesmo, o fallo puntualiza que, aínda que non estaba vixente cando tiveron lugar os feitos, aplicouse retroactivamente a nova lei de garantía integral da liberdade sexual, a coñecida como lei do 'só si é si', xa que "penalóxicamente é máis beneficiosa para o procesado".

Nesta liña, a sentenza subliña que o acusado realizou os actos sexuais "con ánimo de satisfacer o seu desexo sexual e co mesmo propósito de actuar en contra da liberdade sexual da menor, aproveitando a ocasión que lle proporcionaba a relación familiar".

Imaxe da chegada dun detido a un xulgado
Imaxe da chegada dun detido a un xulgado | Fonte: Arquivo - Garda Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta