Os fondos para as axudas ao sector cárnico non chegan para toda a demanda: precisaríanse 1,2 millóns máis

O Sindicato Labrego Galego tamén criticou os tramos para calcular a subvención: "Unha granxa que teña catro vacas vai cobrar o mesmo que unha que teña 10".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu á Xunta máis fondos para que as axudas ao sector cárnico que buscan compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína, complementarias ás publicadas polo Ministerio de Agricultura, cheguen a todas as granxas admitidas.

Nun comunicado, apunta que foi a propia Xunta quen elaborou a listaxe de beneficiarias para o Ministerio, polo que se queixa de que non adxudicase de oficio estas axudas complementarias de forma directa "no canto de incrementar a carga burocrática" para as explotacións.

Segundo os cálculos do Sindicato Labrego, os beneficiarios das axudas do Ministerio foron 11.854 en Galicia, de forma que o total orzado pola Xunta debería ser de 18,4 millóns e non de só uns 17,2 millóns. Así, demanda que se aumenten os fondos en máis de 1,2 millóns de euros.

Ademais, lamenta que o establecemento de tramos para calcular a axuda é "inxusto e incongruente", posto unha granxa que teña catro vacas "vai cobrar o mesmo que unha que teña 10".

Igualmente, refírese á problemática respecto ao adianto da axuda por parte de entidades bancarias. E é que "a Consellería afirmou que non ía implicar custos para os solicitantes", pero "en varios casos supuxo o cobro de taxas, a obrigación de contratación de determinados produtos da entidade bancaria e mesmo unha taxa de penalización por cancelación".

É máis, chama a atención acerca de que pode darse o caso de que "algunhas granxas teñan que devolver parte da axuda adiantada", dado que "o cálculo do complemento en base a tramos pode implicar un importe final inferior ao adiantado".

Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha
Unha vaca fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta