Rueda reclama ao Goberno central que "vaia concretando" onde se poden situar parques eólicos mariños

O presidente da Xunta asegurou que a súa instalación "abriría un potencial enorme de traballo e un campo de riqueza para Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2023 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou este luns ao Goberno central que "vaia concretando" os lugares que poden acoller parques eólicos mariños, cuxa instalación "abriría un potencial enorme de traballo e un campo de riqueza para Galicia". "Xa levamos moito atraso con respecto a outros países", dixo Rueda, que lembrou que en Galicia se fabrican pezas para este tipo de eólica, que logo se exportan.

Durante unha visita en Narón á empresa do Consorcio Galego de Tratamentos Térmicos (Cogaltra), o presidente galego afirmou que "agora toca", con "todo o respecto ás normativas ambientais e aos recursos pesqueiros", definir "xa" as zonas do litoral "onde se pode instalar eólica offshore", coa consecuente xeración de postos de traballo na que derivaría.

Na planta de Cogaltra que visitou Alfonso Rueda realízanse traballos de mecanizado para o sector naval, industrial, enerxético, aeronáutico e tamén portuario. Durante a súa estancia, o presidente galego tivo a oportunidade de comprobar as potencialidades desta nova planta, que contou cunha axuda de dous millóns de euros da Xunta. Estímase que Cogaltra creará unha vintena de postos de traballo para poder producir unhas 2.000 pezas ao ano.

Alfonso Rueda lembrou que foron 11 os millóns que se investiron en centros de fabricación avanzada para "reforzar a competitividade de Galicia con infraestruturas compartidas". Ademais, incidiu en que "no segundo trimestre deste ano vaise a lanzar unha nova convocatoria destinada ás pequenas e medianas empresas que estará dotada de 11 millóns de euros e que ten como obxectivo a posta en marcha de centros de fabricación avanzada, para compartir esforzos para seguir innovando".

Pola súa banda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu ao Grupo Infat e ao seu presidente, Ramón Franco, "a aposta realizada" por esta localidade e asegurou que "a colaboración institucional é fundamental para que proxectos deste tipo se poidan materializar".

Pola súa banda, Ramón Franco detallou que con esta nova planta "se poden fabricar pezas que ata o momento non era posible materializar en Galicia" e que "son unhas duascentas as empresas que se poderían beneficiar da utilización destas instalacións" emprazadas na comarca de Ferrolterra.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visita as instalacións do grupo Intaf de maquinaria industrial en Narón
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visita as instalacións do grupo Intaf de maquinaria industrial en Narón | Fonte: DAVID CABEZÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta