O PSOE ourensán acusa a Jácome de adxudicar "a dedo" programas de atención a maiores a empresas publicitarias

Os socialistas explicaron que se elixiron dúas empresas que teñen que ver coa rama da comunicación pero que non contan con experiencia acreditada na atención de maiores.

Por E.P. | OURENSE | 16/01/2023 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE de Ourense denunciou este luns que o alcalde da cidade das termas, Gonzalo Pérez Jácome, adxudicou o programa de atención a persoas maiores, tanto telefonicamente como presencialmente, a dúas empresas relacionadas co ámbito da publicidade e a comunicación que, aparentemente, "non teñen ningunha vinculación cos servizos sociais".

Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, os socialistas criticaron esta decisión. Tamén que se fragmente o contrato de asistencia en dous contratos menores co único obxectivo de "dalos a dedo e sen ir a concurso público", contratos aos que os socialistas solicitaron ter acceso.

Desde o PSOE explicaron que se elixiron dúas empresas que teñen que ver coa rama da comunicación, a publicidade, os seguros e os equipos electrónicos, pero que non contan con experiencia acreditada na atención de maiores.

No relativo ao contrato do servizo de acompañamento presencial, os socialistas aseguraron que se outorga segundo un decreto do pasado 30 de decembro de 2022 a unha empresa por un importe total de 18.029 euros. Pola súa banda, o contrato de acompañamento telefónico, foi outorgado por 18.148,79 euros.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Concha García Lozano, afirmou que "non parece unha forma seria de proceder, xa que chama poderosamente a atención que non se aposte por empresas do sector".

García considera que Jácome actúa "de forma precipitada e improvisada co único obxectivo de facer algo do que prometeu en 2019, dado que as eleccións municipais xa se atopan ao virar a esquina".

Neste sentido tamén explicou que "este era o programa estrela do alcalde, que foi anunciado en xullo de 2019 aos catro ventos, pero do que non se tivo ningunha información ata que apareceu este decreto".

Ademais, o concelleiro socialista Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que se trata dunha "banalización dun problema moi serio como é a soidade, nunha das provincias máis envellecidas e nunha cidade na que polo menos 10.000 persoas viven soas".

Villariño apuntou que "cando se fai unha intervención deste tipo hai que traballar con persoal especializado, normalmente con equipos multidisciplinares, que leven a cabo intervencións comunitarias, polo que se dubida moitísimo que estas liñas mestras estean contempladas con dúas empresas relacionadas coa propaganda".

Por último, Villarino sinalou que o PSOE "avoga por un enfoque integral, no que participe a universidade e no que se conte con persoas con cualificación". "Con estes contratos está a enganarse a Ourense", sentenciou.

O PSOE denuncia que Jácome adxudique 'a dedo' os programas de atención a persoas maiores a empresas publicitarias.. PSOE
O PSOE denuncia que Jácome adxudique 'a dedo' os programas de atención a persoas maiores a empresas publicitarias.. PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta