O edil compostelán José Manuel Pichel desvincúlase da empresa propietaria da nave alugada polo Concello en Costa Vella

Así contestou ás denuncias emitidas por Compostela Aberta, ás que se sumou o PP local e o BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2023 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O edil compostelán José Manuel Pichel (PSdeG), emitiu este martes un comunicado de prensa no que de desvincula da empresa titular da nave do Polígono de Costa Vella alugada polo concello e que denunciou Compostela Aberta.

Segundo explicou o edil, tras as críticas vertidas este luns, puxo xa a disposición do secretario xeral do Concello toda a documentación relativa á empresa da que é administrador único, e que "se atopa inactiva sempre que" ostenta "este cargo público no concello.

"A miña intervención neste procedemento de contratación limitouse a participar na Xunta de Goberno que adoptou o acordo de alugar esta nave, a proposta doutra concelleira, e avalada como sempre, por un informe técnico favorable que recalcaba que 'non se atoparon ofertas que agrupasen conxuntamente as necesidades definidas para os departamentos municipais afectados'", destaca o concelleiro.

Así as cousas, o edil quixo "deixar claro que a información dada por Compostela Aberta e compartida polo Partido Popular de Santiago e o BNG é rotundamente falsa", ademais de "oportunista, cunha clara tinguidura electoral". "Crear unha polémica en base a unha noticia falsa é síntoma dun populismo que está cada vez máis instaurado na maneira que ten a oposición de facer política", apostila.

EXPLICACIÓNS "URXENTES"

En relación a esta cuestión, o grupo municipal do PP esixiu este martes ao Goberno local que explique "de forma urxente" este aluguer e "o desvío de 90.000 euros a unha empresa vinculada ao Partido Socialista e a UGT-Galicia".

Na súa comparecencia, o portavoz Popular, José Antonio Constenla, preguntou, entre outras cousas, cal foi o motivo polo que non se incluíu na documentación do acordo para este contrato o informe xurídico que xustificaba os motivos que sustentan esta adxudicación directa e por que non se abriu un procedemento de concorrencia pública.

Así mesmo, considera "imprescindible" transparentar quen e como se realizaron as "prospeccións de mercado" para a selección destas oficinas concretas, é dicir, "cal foi o sistema de baremación e que resultados conseguiron os demais locais contemplados".

"Outras das incógnitas que non teñen resposta a día de hoxe é cal é o motivo polo que aínda non se licitaron nin adxudicaron as obras para o acondicionamento das oficinas no recinto de Amio e que previsións manexa o Goberno para a súa completa execución", apunta o popular.

No centro, o agora ex concelleiro de Medio Rural de Santiago, José Manuel Pichel
No centro, o agora ex concelleiro de Medio Rural de Santiago, José Manuel Pichel | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta