A Xunta pide información de dúas pezas galegas no Museo Marès de Barcelona pola súa posible "orixe ilexítima"

Trátase de dúas esculturas da igrexa de San Lourenzo de Carboeiro, en Silleda, datadas do século XIII

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/01/2023 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia remitiu dúas cartas ao Museo Marès de Barcelona e ao Concello da Cidade Condal para solicitar información acerca de como chegaron a esta institución dúas pezas procedentes da igrexa de San Lourenzo de Carboeiro, en Silleda que, segundo apunta a investigación dun experto, foron "expoliadas" deste templo.

Museo Marès de Barcelona
Museo Marès de Barcelona | Fonte: Wikipedia.

Así o confirmaron fontes da Consellería de Cultura, que se mantén tamén en contacto co historiador que fixo pública esta cuestión para coñecela en profundidade e avaliar as "posibilidades xurídicas e iniciativas políticas que correspondan".

As indagacións tiveron como orixe un artigo da historiador da arte Francisco Prado Vilar en 'La Voz de Galicia', no que argumentaba que hai cartas do Arquivo de Galicia e o Arquivo Xeral da Administración que "proban a subtracción ilegal de dous relevos procedentes do tímpano da portada da igrexa de Silleda", pezas que "actualmente se atopan no Museu Marès de Barcelona", apuntaba.

Fontes do Icub explicaron que desde o Museu Marès "sempre se tivo constancia do emprazamento orixinal das pezas" en Carboeiro, pero "ata agora non se tivo indicios de que a orixe das pezas fose ilexítimo".

ADQUIRIDAS A UNHA COLECCIONISTA

O director do Museu Marès, Salvador Garcia Arnillas, informou de que, efectivamente, a institución recibiu na tarde deste martes unha carta do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na que pide información para aclarar a orixe dos dous relevos para determinar a súa "posible orixe ilexítima". Arnillas remarcou que a Xunta pide información para aclarar a orixe das pezas e estudar as opcións que se abren, pero que non se trata dun requirimento.

En declaracións aos medios, o director explicou que o museo está a estudar toda a información dispoñible da documentación sobre as dúas esculturas, que comprou en 1980 á coleccionista Ericka Birk.

As pezas en cuestión son un cristo entronizado e un relevo medieval con símbolos dos evanxelistas San Xoán e San Lucas, que pertencen a un tímpano eclesiástico datado cara ao ano 1200 e están elaborados en granito.

O director do museo sinalou que a institución está a redactar un informe técnico con toda a información posible, que prevé ter "nuns días", e que logo será o Concello de Barcelona quen tome a decisión en función ao que determine o estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta