Análise desde Galicia: existe unha persecución contra o dereito ao aborto?

O dereito ao aborto está sendo cuestionado en países occidentais. EE.UU., retirou o carácter federal dese dereito e en Europa países con gobernos ultraconservadores ou de ultradereita buscan a eliminación das leis que o permiten nos seus territorios. Os movementos feministas proclaman o dereito á libre elección da maternidade, algo que no Estado español aínda non ten nin corenta anos. E cal é a visión en Galicia?

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As contradiccións entre presidente e vicepresidente da Junta de Castilla y León sobre medidas antiabortistas, descubriu para os colectivos feministas cal é a verdadeira cara de Vox en canto a consideración da muller, un elemento reproductor sen máis dereitos que o home e sen capacidade de decisión sobre o seu corpo. Os grupos antiabortistas consideran que non se lles están dando todas as oportunidades posibles ás mulleres antes de recorrer á interrupción voluntaria do embarazo. A liberdade de elección dentro do marco dos dereitos reprodutivos das mulleres choca frontalmente coa intención dalgúns gobernos e outro tipo de institucións que non ven como un dereito elixir das mulleres ter fillos ou non.

Manifestación da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto nunha imaxe de Diário Liberdade
Manifestación da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto nunha imaxe de Diário Liberdade

EFECTO DOMINÓ?

A intención de Vox, partido que goberna Castilla y León xunto co PP, de que as nais escoiten o latexo do corazón ou poidan ver imaxes do feto para disuadilas de abortar, é a posición que adoptou o goberno húngaro antes de practicar unha interrupción voluntaria do embarazo. Desde 1953 é legal o aborto en Hungría só que as trabas que pon o goberno de Orban pretenden ser cada vez máis disuasorias. Este era o modelo que pretendía replicar en Castilla y León o seu vicepresidente, García-Gallardo.

Aínda que dentro da UE hai países que prohíben o aborto como Malta ou o limitan a só uns poucos contextos, o feito é que dentro da Unión existe medo á creación dun “efecto dominó” que arrastre aos gobernos de dereitas e ultradereita á limitación ou prohibición da interrupción voluntaria do embarazo por parte das mulleres. “Sería gravísimo que se dese un efecto dominó e ademais atacando unha lei que foi refrendada e aprobada polo Parlamento” di Carmen Flores de Defensor del Paciente. “Non se pode manipular nin deixar de atender ese dereito que ten a muller”.

Non obstante, Carmen Flores sinala que dentro das autonomías con gobernos de dereitas, os obstáculos para poder abortar dentro da sanidade pública son moitos. “No caso de Galicia recibimos moitas queixas en relación a este ámbito sanitario, mais é que en todas as CCAA a sanidade pública estase desmantelando e non invisten, por iso se derivan ou recorren a clínicas privadas”.

O efecto dominó parece “amparado” polas accións políticas destinadas aos recortes en sanidade pública. “En Galicia somos conscientes de que é difícil abortar na sanidade pública, sobre todo desde que comezou a gobernar Feijóo que mirou para as mulleres cun punto paternalista inspirado en Red Madre” di Pilar Estévez, da Plataforma Feminista Galega.


POR QUE NON AO ABORTO?

A idea de non abortar entra nas posibilidades que unha muller pode elixir libremente. Con todo, hai quen considera a interrupción voluntaria do embarazo como unha saída “fácil” nun momento determinado da vida dunha muller. Sectores sociais consideran que tanto os gobernos como a mesma sociedade non ofrecen todas as oportunidades posibles á muller cun embarazo non desexado.

A Asociación Provida de Lugo describe o seu labor como a axuda “a mulleres en situación de embarazo que non esperaban, que están nun momento da súa vida onde non ven máis alá dun burato moi pequeno”. Consideran que as axudas que ofrecen os servizos sociais son insuficientes e moitas veces “parece que ven o aborto como a única saída”.

“Que problema existe en que unha nai escoite o latexo do corazón ou que poida ver o neno no seu ventre?” Ademais, tamén pregunta se existe medo desde algunhas organizacións a que se as nais se arrepintan e non aborten.

“A nosa intención é salvar as dúas vidas, a da nai e a do neno, porque sabemos que moitas nais se teñen arrepentido despois de abortar” sinalan desde Provida Lugo. A sociedade actual é unha sociedade antinatalista e que non protexe a vida. “Nós preguntámoslles ás nais primeiro que necesitan para decidirse a ter o fillo, cales son os problemas que teñen e moitas veces son socioeconómicos ou por presión familiar ou da parella”.

Consideran que hai alternativas como unha educación sexual encamiñada a evitar embarazos non desexados “mais non esa educación que sexualiza aos nenos e nenas desde pequenos”. Piden casas de tránsito, material para axudar na crianza e sobre todo, darlles “apoio para que non se sintan soas, que non están soas e poden saír adiante”.

OBXECCIÓN

Un dos factores que está detrás das dificultades para abortar dentro da sanidade pública é a obxección de conciencia dos profesionais. En si non debera supoñer un problema, pois é un dereito individual. Aínda así, o número de profesionais obxectores é moi elevado dentro dos servizos públicos de saúde. É unha cuestión ideolóxica?

“Non lle vexo outra explicación, o profesional ten dereito a obxectar, mais resulta curioso que algúns obxecten en centros públicos e non así en centros privados” sinalan desde Defensor del Paciente.

“A obxección de conciencia debera ser cuberta con outros profesionais e a especialización debera ser valorizada profesionalmente” din da Plataforma Feminista Galega. “Debera haber alternativas, mais se non querías o embarazo tomas unha decisión persoal”. Sobre as posturas defendidas polas asociacións contrarias ao aborto, o parecer da Plataforma Feminista é que se antepoñen crenzas relixiosas sobre a ciencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta