A luz artificial ten efectos negativos no comportamento dos animais segundo unha investigación da USC

Investigadores da universidade compostelá denuncian na revista 'Science' os perigos da contaminación lumínica como a redución de melatonina nos animais.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/01/2023 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A contaminación lumínica é un problema medioambiental ao que se debe facer fronte a través de medidas nas que a luz sexa abordada como un auténtico contaminante para o ceo nocturno. Un exemplo é a Clean Air Act, unha iniciativa lexislativa destinada a acometer a polución do aire nos Estados Unidos. Esta é unha das apreciacións realizadas polos investigadores Salvador Bará e Fabio Falchi nun comentario difundido na revista Science e no que poñen o foco na necesidade de establecer indicadores e liñas vermellas que non poidan ser cruzadas á hora de paliar este tipo de emisións contaminantes.

A introdución da luz artificial nos ecosistemas pode tamén mudar a conducta dos animais e mesmo reducir a produción de melatonina. FOTO: Santi Alvite
A introdución da luz artificial nos ecosistemas pode tamén mudar a conducta dos animais e mesmo reducir a produción de melatonina. FOTO: Santi Alvite

Os autores reflexionan arredor doutra investigación publicada no mesmo número da cabeceira e que constatou como o brillo nocturno artificial da Terra estaría aumentando un 9,6% cada ano dende hai polo menos unha década. “Canto máis brillante é o ceo nocturno, máis escintilante debe ser unha estrela para ser vista polo ollo humano sen axuda”, relatan no texto o actualmente profesor xubilado da USC, Salvador Bará, e o doutorando da institución compostelá, Fabio Falchi.

O estudo, cuxo primeiro asinante é Christopher C. M. Kyba, apunta tamén cara a necesidade de satélites que detecten a luz en diferentes bandas de cor. Bará e Falchi subliñan no seu comentario as eivas existentes para detectar a luz emitida case horizontalmente, por exemplo, a través das vallas publicitarias LED ultra brillantes ou das fachadas dos edificios. Neste senso, os investigadores subliñan a necesidade de paliar estes puntos débiles mediante satélites de nova xeración equipados con capacidade de monitorizar múltiples lonxitudes de onda e en múltiples ángulos.

O CONCEPTO DE BELEZA

“Talvez a mensaxe máis importante que a comunidade científica debería extraer do estudo é que a contaminación lumínica está aumentando, a pesar das contramedidas supostamente postas en marcha para limitala”, explican. Observando as imaxes e vídeos da Estación Espacial Internacional do hemisferio nocturno da Terra, as persoas xeralmente só se sorprenden pola "beleza" das luces da cidade, “como se fosen luces nunha árbore de Nadal”, escriben Bará e Falchi. “Non perciben que estas son imaxes de contaminación. É como admirar a beleza das cores do arco da vella que produce a gasolina na auga e non recoñecer que se trata de contaminación química. Debe aumentar moito a conciencia para que a luz artificial nocturna se perciba non como algo sempre positivo, senón como o contaminante que realmente é”, engaden.

“A maioría das persoas asocian a luz artificial coa seguridade viaria e a seguridade persoal, conexións que non están ben apoiadas pola evidencia”, afirman. Así, ano tras ano, instálanse máis luces que, a xuízo dos autores, xeran “notables consecuencias”. “Os astrónomos déronse conta rapidamente de que as luces nocturnas afectaban a súa investigación e, por tanto, afastaron os observatorios das cidades”, subliñan. Con todo, a medida que se estende o uso de luces exteriores, esta estratexia volveuse menos efectiva.

Ademais, ao mellorar a eficiencia da tecnoloxía, é posible obter máis iluminación pola mesma cantidade de diñeiro. “Isto estase traducindo nun florecemento de novas luces para iluminar estradas, edificios e paisaxes naturais; para valos publicitarios dixitais; e para o ‘embelecemento’ de xardíns, entre outras aplicacións”, afirman. “Para empeorar as cousas, están a lanzarse miles de satélites a órbitas terrestres baixas. Isto evitará que toda a humanidade poida admirar un ceo prístino en calquera parte do planeta. A experiencia na natureza que un pode ter nun parque nacional pola noite, por exemplo, pode verse cada vez máis afectada polos resplandores das cidades e as megaconstelacións de satélites. A perda da noite estrelada é unha perda sen precedentes para todas as culturas”, aseguran.

CALIDADE DE VIDA

A introdución da luz artificial nos ecosistemas pode tamén mudar a conducta dos animais e mesmo reducir a produción de melatonina, hormona fundamental para regular o reloxo circadiano interno tamén nos seres humanos. Doutra banda, agárdase tamén que os procesos necesarios para producir, instalar e operar coa iluminación artificial exterior liberen gases de efecto invernadoiro á atmosfera “e contribúa ao quecemento global”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta