Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 11:46
O secretario xeral do PSOE en Narón, David Pita, mostrou a súa desconformidade co sistema de elección do candidato á Alcaldía deste municipio e tachouno de "imposición", aínda que asegura que "acata a decisión dos órganos superiores".
Militantes do PSOE en Narón consideran que a prohibición de realizar primarias neste municipio foi "un castigo" por apoiar a Gonzalo Caballero en detrimento de Valentín González Formoso nas primarias que levaron a este último a converterse en secretario xeral do PSdeG.
Pita reuniuse na tarde de pasado venres, 20 de xaneiro, con membros das executivas rexional e provincial, aos que xa transmitiu a súa desconformidade co sistema de elección. Lembra que o 18 de novembro a dirección nacional transmitiulles a decisión "unidireccional e irrevogable de anular o proceso de primarias en Narón, decisión trasladada aos militantes de Narón que manifestaron en asemblea a súa oposición ao proceso extraordinario de elección do candidato".
Así, sinalaron que "non entenden que, habendo unanimidade e normalidade no seo da agrupación desde hai anos, se lles impoña un candidato sen contar coa súa opinión", o que ao cabo supón rexeitar o establecido nos "Estatutos Federais e o Regulamento Federal de Desenvolvemento dos Estatutos Federais".
Con todo, David Pita quixo transmitirlle "toda a sorte do mundo" a Jorge Ulla, que será o candidato elixidos polas direccións provincial e galega. A cabeza de lista é avogado de UGT e membro da executiva do PSdeG en Ferrol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.