O BNG di que o PPdeG é "un perigo para a saúde" e o PP acúsao de montar protestas polas municipais

Os populares vinculan a protesta de SOS Sanidade Pública do 12 de febreiro coa proximidade das municipais e rexeitan que a sanidade sexa "unha cuestión política".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O BNG mostrará este martes, durante o debate no Parlamento co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que ten unha "alternativa" de xestión sanitaria fronte a un PP que é "un perigo para a saúde dos galegos" ao buscar "beneficiar o privado" e "desmantelar o público".

Así o avanzou este luns en rolda de prensa a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, tras manter unha reunión coa Plataforma SOS Sanidade Pública --da que forma parte a propia formación nacionalista, xunto a outras forzas políticas e sindicais-- para impulsar tanto a iniciativa lexislativa popular (ILP) que prepara para mellorar a Atención Primaria, como da manifestación do próximo 12 de febreiro en Santiago de Compostela.

Pontón, tal e como expresou nunha comparecencia xunto ao portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, espera que o conselleiro non acuda ao Parlamento "con autocompracencia", senón a "pór encima da mesa alternativas" coas que "rectificar" as súas políticas que levan ao "colapso" do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Neste sentido, a líder do Bloque explicou as propostas nacionalistas na liña de "blindar por lei o financiamento" en Atención Primaria e fixala nun mínimo do 25 por cento do gasto sanitario, tal e como recomenda a OMS; así como habilitar "un plan de choque" para este mesmo servizo "con 200 millóns de euros de maneira inmediata".

Ademais, reclama unha ampliación da carteira de servizos da Primaria con máis profesionais, entre eles psicólogos clínicos, e que a Xunta asuma "as competencias ao 100 por 100" en planificación sanitaria, concretamente no que respecta á formación MIR, xa que por agora a acreditación das prazas corresponde ao Goberno estatal.

"NON Ás POLÍTICAS DE DESMANTELAMENTO"

Ana Pontón cargou contra a xestión do PP no Executivo autonómico, porque "traballa en contra do dereito á saúde das persoas". Por iso, fixo un chamamento á cidadanía para acudir a esa "gran mobilización" que SOS Sanidade Pública prepara para o 12 de febreiro para "dicir 'non' ás políticas de desmantelamento".

Neste contexto, alertou de que a Atención Primaria galega "está na UCI, literalmente", como "resultado de 13 anos de políticas, recortes e privatización do PP". Para reforzar a súa postura, ofreceu varios datos: o gasto en Atención Primaria sitúase "no 14 por cento" do total dedicado a sanidade e hai "300.000 euros menos que no ano 2009", se se aplica o efecto da inflación durante os últimos anos.

"O INICIO DA RECUPERACIÓN DA PRIMARIA"

Pola súa banda, o portavoz de SOS Sanidade Pública enmarcou o encontro deste luns nunha "reunión de traballo" interna da propia plataforma, a pesar das "manobras" da Xunta de asegurar que é o Bloque o que convoca a protesta do día 12. Efectivamente, "o BNG está a traballar" nesta liña, pero cun "perfil de unidade" xunto con outras formacións políticas --como PSdeG e Podemos-- e sindicatos.

Manuel Martín confía en que a manifestación supoña "o inicio da recuperación da Atención Primaria", a través das "alternativas" que SOS Sanidade xa expuxo no consello técnico que puxo en marcha a propia Xunta.

O PP DEFENDE Á Xunta

Posteriormente, noutra rolda de prensa, o portavoz parlamentario do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu a xestión sanitaria da Xunta e relacionou as protestas coa proximidade das citas electorais: "O feito de que haxa estas manifestacións é que non se coñece a situación ou se quere desgastar de camiño ás municipais".

Puy rexeitou falar de "recortes" e insistiu en que "a situación é mellor que en 2009" en canto a orzamentos e persoal. Aínda que recoñeceu que "hai problemas" en áreas determinadas como en Medicina de Familia e Comunitaria, alegou que "ten que ver, entre outras cousas, coa inexistencia dunha especialidade de Urxencias" que reclaman ao Goberno central.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta