O goberno polaco recollerá este mércores no Museo de Pontevedra os cadros expoliados polos nazis

"Creo que fixemos o que había que facer", recalcou o vicepresidente da Deputación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra vai restituír este mércores 24 de xaneiro ao Goberno de Polonia o díptico Mater Dolorosa e Ecce Homo que fose expoliado polos nazis durante o II Guerra Mundial e que se atopa no Museo de Pontevedra.

A este acto de entrega, que terá lugar ás 12,30 horas no Edificio Castelao, asistirán representantes do Goberno polaco e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera recalcando así a vontade que desde o primeiro momento manifestou a institución museística de devolver a obra aos seus lexítimos propietarios.

"Para nós é un acto de xustiza do que estamos tremendamente orgullosos e que volveriamos repetir", declarou César Mosquera, que animou a outros museos e coleccións privadas que posúen obras de procedencia ilexítima a facer o mesmo porque "non é de recibo estar a gozar dunha obra de arte sabendo cal é a súa orixe".

Mosquera lembrou que o propio Departamento de Estado dos Estados Unidos, na súa memoria do ano 2021, recolle un informe sobre Dereitos Humanos que eloxia esta decisión do Museo de Pontevedra. "Creo que fixemos o que había que facer", recalcou o vicepresidente da Deputación.

ENTREGA DEMORADA

A devolución destes cadros demorouse máis do previsto ante a reclamación da obra non só por parte do Goberno polaco senón tamén pola familia que se considera propietaria lexítima. Finalmente, todos os informes xurídicos de diferentes administracións así como de consultoras privadas solicitados polo Museo confluíron en que o procedemento correcto era restituír os cadros ao Estado polaco para que este, posteriormente, delimite a propiedade dos bens rexéndose pola súa lexislación interna.

Ao acto de entrega oficial das pinturas tamén asistirá este mércores unha empresa especializada en transporte de obras de arte que se encargará de levalas a Varsovia para ser depositadas no Museo Nacional de Polonia.

A noticia da identificación do díptico como ben expoliado xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra. Segundo a documentación que achegaba, as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Goluchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Arquivo - Cadros expoliados polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. RAFA ESTEVEZ - Arquivo
Arquivo - Cadros expoliados polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. RAFA ESTEVEZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta