Formoso apoia a Bugallo e di que é "un dos mellores" alcaldes de España e "unha referencia" para os socialistas

Sen profundar no caso do aluguer dunha nave, que coñece "moi por encima", cre que o rexedor é "un exemplo de honestidade"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O secretario xeral de PSdeG, Valentín González Formoso, considerou este martes que as acusacións do PP en relación ao aluguer dunha nave industrial en Santiago á empresa Desproi para o servizo de Parques e Xardíns son un intento de "embarrar o campo de xogo" antes das eleccións municipais, á vez que apoiou ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo: "Estamos moi tranquilos".

Así respondeu o líder dos socialistas galegos ao anuncio feito este luns polo candidato popular á alcaldía de Santiago, Borja Verea, que adiantou que levará a documentación deste caso á Fiscalía Anticorrupción, xa que ve detrás deste aluguer unha "trama organizada" para "desviar fondos públicos a empresas" afíns aos socialistas, unhas acusacións polas que o alcalde dixo que emprenderá "accións legais".

Formoso afirmou coñecer este caso "moi por encima" e apoiou, en todo caso, a actuación do alcalde, a quen considerou "un dos mellores de España" e "unha das grandes referencias" dos socialistas no ámbito municipal, así como "un exemplo de honestidade, de boa xestión e de compromiso coa súa cidade".

"O PP ten todo o dereito a levar á Fiscalía todo o que considere oportuno", dixo o secretario xeral que, no entanto, e ante a proximidade das eleccións municipais, viu "claramente" a intención de "embarrar o campo de xogo". "Espero que outras formacións políticas non xoguen tamén a iso", engadiu.

Para o líder dos socialistas galegos, con esta actitude, o "sinal que se lle envía á cidadanía non é nada halagüeña" nin "nada construtiva". "O que necesita a sociedade é transparencia, honradez, xestión e altura de miras", apuntou Formoso. "Nese ámbito estamos moi tranquilos, imos a revalidade a alcaldía de Santiago cun dos mellores alcaldes de España", finalizou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante a rolda de prensa.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante a rolda de prensa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

COMPOSTELA ABERTA REPRÓCHALLE "NON QUERER RENDER CONTAS"

A portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, reprochou este martes que o alcalde compareza no próximo pleno, que se celebrará o xoves, para explicar o grao de cumprimento do seu programa electoral de 2019 "contra a súa propia vontade" e "atendendo a unha solicitude" de Compostela Aberta.

Para Rozas, é "preocupante e elocuente" que Bugallo solicitase un informe xurídico "co obxectivo de librarse desa comparecencia". Así mesmo, continuou, considera "revelador" que o alcalde "non queira render contas", algo que, na súa opinión, "é unha clara mostra de que sabe que incumpriu os seus compromisos cos veciños de Santiago".

En rolda de prensa, a portavoz de CA explicou que a súa formación rexistrou no mes de decembro esta solicitude de comparecencia e, nese momento, o rexedor encargou un informe xurídico que aclarase se o cumprimento do programa electoral era un asunto que debese ser abordado en pleno.

"O feito de que pida ese informe xurídico, que nós aínda descoñecemos, dá unha idea de cal é o concepto de transparencia que ten Bugallo, e confírmanos o que xa sospeitabamos: que o alcalde non cre o seu propio discurso triunfalista sobre os éxitos da súa xestión neste mandato", argumentou.

Neste sentido, Rozas relatou que o programa electoral do PSOE nas pasadas eleccións municipais incluíu 433 medidas e, segundo sostivo, "repasar agora ese documento é case como ler unha novela de ciencia ficción". "É evidente que o grao de execución das promesas de Bugallo é enormemente baixo", censurou.

INVESTIMENTOS

Ademais, a portavoz municipal sinalou que ese "incumprimento" é "palpable" no que respecta a "os grandes investimentos anunciados", pero tamén "no relativo ás actuacións máis modestas".

Así, pasou a detallar que se segue esperando por "o teleférico que Bugallo prometeu na campaña de 2019, pola nova escola infantil de Santa Marta, polo Xardín Botánico, ou pola construción de máis de 2.000 novas vivendas".

Do mesmo xeito, continuou, dixo que xa non esperan tampouco por "a resolución da operación Peleteiro" ou por "a remodelación do proxecto de Clara Campoamor" que, ironizou, "está executado conforme ao previsto por Compostela Aberta sen xerar ningún dos problemas de circulación que Bugallo lle anticipaba aos veciños durante a campaña".

Así mesmo, engadiu que o goberno socialista "non foi capaz de sacar adiante nin proxectos ambiciosos nin cuestións practicamente de mero trámite". Por iso, Rozas pediu a Bugallo que "abandone o escurantismo" e que relate no pleno "cantas das 433 medidas que tiñan previstas no seu programa considera executadas e con que resultados para os veciños".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta