O PSdeG propón investir 120 millóns de euros en apoios para pemes galegas polas dificultades de crédito

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, presentou esta proposta que, ademais de presentarse na Cámara galega, será traslada a organizacións empresariais, sindicais e sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2023 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O PSdeG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa que propón a creación dun plan dotado con 120 millóns de euros en apoios ao tecido produtivo galego ante as dificultades que o escenario actual imponlles en materia de financiamento.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, ofreceu este xoves unha rolda de prensa en Santiago na que presentou esta proposta que, ademais de presentarse na Cámara galega, será traslada a organizacións empresariais, sindicais e sociais.

A iniciativa parte da "preocupación polo escenario económico" dun 2023 que, para Formoso, debe ser afrontado como "un ano excepcional no que as empresas e os traballadores de Galicia necesitan do seu goberno".

Así, a proposta dos socialistas galegos divídese en dúas vías de apoios ás empresas ante os problemas cos que se topan á hora de acceder a vías de financiamento bancarias, algo do que, en palabras de Formoso, "depende o futuro de moitas delas".

Por unha banda, propón a creación dun fondo de 20 millóns de euros para sufragar "parte" dos intereses dos créditos das empresas, os custos de estudo ou as comisións que cobran as entidades de garantía recíproca.

Por outro, expón que a Xunta destine "de forma urxente" unha partida orzamentaria de 100 millóns de euros para financiar activos circulantes, outro dos factores que, debido ao encarecemento das materias primas, "dificulta a supervivencia das pemes galegas".

"Queremos que Galicia lance unha mensaxe de apoio aos tecidos produtivos", aseverou o máximo responsable dos socialistas galegos, que instou á Xunta a imitar ao Goberno central coa articulación de medidas económicas similares ás postas sobre a mesa a nivel estatal cos créditos do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

E é que, segundo Formoso, Galicia enfróntase a un escenario de "desaceleración económica", como advirten "os principais" institutos de estudos económicos, polo que considera "urxente" que a Xunta adopte medidas para apoiar o seu tecido produtivo.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta