Jácome presume de que Ourense é a "primeira cidade galega" con autobuses eléctricos

O Partido Popular municipal saíu, pola súa banda, para lamentar o "espectáculo" para anunciar autobuses que, aseguran, non teñen punto de carga polo que non se poderán utilizar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentou dous dos novos autobuses eléctricos que se incorporarán na primavera, un total de vinte e cinco vehículos, 15 térmicos e 10 eléctricos, cos que presumiu de converter a "Ourense na primeira cidade galega" en contar con este servizo de transporte urbano. Ao acto asistiron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, e o xerente da empresa ourensá Unvi, encargada de fornecer as unidades, Javier González.

A adquisición destes autobuses forma parte da renovación total da frota á que o Concello destina un investimento de 14 millóns de euros, nos que se inclúe a compra doutros quince microbuses que circularán tamén pola cidade esta primavera.

"Ourense terá a frota máis moderna de Galicia", proclamou o alcalde, subliñando que será "a primeira cidade galega en ter autobuses eléctricos", feitos, ademais, por unha empresa "totalmente ourensá" que "dá emprego a duascentas persoas de forma directa en Ourense e máis de cincuenta de forma indirecta".

Unha firma, segundo trasladou Pérez Jácome, "líder no sector", que forneceu os primeiros autobuses 100% eléctricos, no últimos cinco anos, a cidades como Bruxelas, Amsterdam, París ou Londres.

O rexedor destacou as prestacións técnicas dos novos vehículos en canto a seguridade, freada, potencia ou autonomía con dezaseis horas nunha soa carga, asegurando que "sitúan Ourense na vangarda de Galicia". Pola súa banda, Javier González, expresou que para a empresa "é un orgullo ser profetas na cidade" e garantiu que os autobuses "teñen os últimos avances tecnolóxicos que hai no sector". Así pois, defendeu que a tecnoloxía dos autobuses "é a máis eficiente do mercado".

PUNTOS DE CARGA

O Partido Popular municipal saíu, pola súa banda, para lamentar o "espectáculo" para anunciar autobuses que, aseguran, non teñen punto de carga polo que non se poderán utilizar. Os populares afean a "falta de planificación do goberno municipal" e preguntan se os puntos de carga "non existentes" instalaranse nun espazo público de titularidade municipal ou, pola contra, nun espazo privado "como a sede do actual concesionaria, que presta o servizo en precario". Así mesmo, denuncian que "as decisións unilaterais non se tomaron pensando no máis beneficioso para a cidade".

Critican que se o concello paga 14 millóns para comprar os autobuses págano todos os ourensáns, "adiantándoos cun sobrecusto do 21%" que, no caso do consistorio, que non tributa por IVE "nunca se poderá recuperar, coma se poden facer as empresas".

"Non entendemos onde está o beneficio para a cidade e tampouco o entenden os técnicos desta casa nin habilitados nacionais", sinalou a edil popular Ana Morenza, que tachou a situación de "novo despropósito do actual alcalde", ao que acusou de non ter "unha planificación de liñas seria e rigorosa".

"Jácome compra primeiro os autobuses e logo ve como encaixalos nas liñas que aínda non ten e cunha empresa que presta o servizo en precario porque non hai nova concesionaria", manifestou a edil, que afirma que esta mesma semana pediu en xunta de área un informe "que o goberno municipal garante ter para sacar a concesión".

Para Pérez Jácome estas críticas "son mostra dunha ignorancia fiscal absoluta". O alcalde da terceira cidade de Galicia garante que a compra directa dos vehículos "é a opción máis adecuada para renovar a frota do servizo da cidade" e sinala que unha vintena de cidades españolas, "algunhas como Madrid, gobernada polo Partido Popular", tamén compran os autobuses de forma directa. "Se nós estivésemos equivocados tamén estarían equivocadas todas esas cidades e non o están", resolveu.

Jácome presenta autobuses eléctricos.. CONCELLO DE OURENSE
Jácome presenta autobuses eléctricos.. CONCELLO DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta