CIG-Saúde concéntrase en Santiago por unha Atención Primaria "igualitaria e accesible"

Denuncian que o Sergas só leva a cabo "ocorrencias" e que non actúa porque "facelo sería realizar unha emenda á totalidade ás políticas do PP"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O sindicato CIG-Saúde concentrouse este sábado en Santiago de Compostela para "deixar claro que é posible e realista" un modelo de Atención Primaria que responda as necesidades tanto de pacientes como de profesionais, "igualitario e accesible".

Fronte á Catedral, na compostelá Praza de Praterías, ao redor dun centenar de persoas manifestouse coreando consignas como 'traballar e traballar sen descansar' ou 'onde están os nosos dereitos?', mentres que con outras interpelaban directamente ao conselleiro de Sanidade, XulIo García Comesaña: 'Conselleiro, escoita, a atención primaria está en loita'.

O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, defendeu en declaracións a Europa Press que podería existir un modelo que "respondese as necesidades da cidadanía, que demanda equidade na accesibilidade". "Unha Atención Primaria á que todos podamos acceder en condicións de igualdade e non con diferenzas entre o ámbito rural e o urbano", sinalou.

Un servizo, continuou, que dea resposta tamén ao que piden os profesionais, "onde os equipos poidan atender con calidade e con tempo, con dignidade tamén nas áreas administrativas, cos recursos necesarios e a estrutura que permita garantir a súa confidencialidade".

Concentración de CIG-Saúde pola Atención Primaria en Santiago de Compostela, a 28 de xaneiro de 2023
Concentración de CIG-Saúde pola Atención Primaria en Santiago de Compostela, a 28 de xaneiro de 2023 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta