As "bestas": símbolos de Galicia que morren esquecidas nos montes do país

Investigadores e propietarios advirten das dificultades económicas para manter aos cabalos salvaxes e as trabas institucionais. Os ataques de lobos, os eólicos e a falta de axudas poden rematar coa maior comunidade de cabalos salvaxes de Europa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

Nos últimos 50 anos, a poboación de cabalo salvaxe, coñecido popularmente co nome de 'bestas', caeu a metade nos montes de Galicia, a pesar de acoller o país galego a maior poboación destes animais de toda Europa.

O cabalo salvaxe galego está "en risco de desaparición". Esta a conclusión á que chegou un equipo de investigadores da Universidade da Coruña (UDC), liderado polo doutor en Bioloxía, Jaime Fagúndez, no marco do proxecto Life GrazeLIFE. Fagúndez explicou a Europa Press que non existe un censo oficial destes animais, xa que "non está ben definido o que son os cabalos salvaxes e cales son as súas características".

Deste xeito, o investigador indicou que existe unha tese doutoral da década do 1970 que cifraba en 22.000 os exemplares de cabalos salvaxes das montañas galegas. Así, a estimación parcial que se fai a día de hoxe "indica que esta poboación se pode reducir ata a metade". Sobre esta cuestión, o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (Pontevedra), Paulo Vicente Monteagudo, explicou a Europa Press que "en 2005 había na asociación entre 600 e 700 cabalos e agora hai unha media de entre 350 e 400".

Situación similar é a que ocorre na Serra do Xistral, sobre a que o proxecto Life in common land, liderado pola Deputación de Lugo, indica na súa web que a poboación de cabalos salvaxes galegos descendeu nos últimos anos por motivos como o abandono da actividade gandeira.

AS DIFICULTADES DE MANTER AS 'BESTAS'

As causas desta redución no número de exemplares responden a múltiples cuestións. A falta de rendibilidade económica desta actividade, as dificultades para acceder a axudas ou a ausencia de recoñecemento do seu valor cultural, son algunhas delas.

Fagúndez apunta ao abandono da actividade tradicional de cabalos en liberdade como unha das principais causas. "A xente non quere ou non pode manter aos cabalos, xa que non é unha actividade rendible se temos en conta o prezo da carne do cabalo no mercado", puntualiza.

Así mesmo, o investigador da UDC indicou que varias das regulacións actuais, levadas a cabo principalmente pola Unión Europea, como a obrigatoriedade de identificar os cabalos como un microchip "son condicionantes que non axudan". Nesta liña, as dificultades para acceder a subsidios no caso de ataques de lobo son outro factor crave. "Ao cabalo galego de monte fáltalle protección que faga que sexa un animal especial dentro da nosa fauna", engadiu Vicente Monteagudo.

FALTA DE PROTECCIÓN E ROUBOS

A falta de axudas específicas para o cabalo de monte salvaxe súmanse aos roubos de exemplares ou a problemáticas derivadas de ataques de lobos e creación de parques eólicos nos espazos nos que se atopan. Fagúndez mencionou, entre outras dificultades, que as axudas da Política Agraria Común (PAC) europea, penalizan a un animal en liberdade como o cabalo, xa que "non están contemplados".

Nesta liña, subliñou que a normativa relativa á identificación dos équidos en liberdade ou semilibertad "obriga a colocarlles un microchip, algo que é complicado e ten custos". Así mesmo, Vicente Monteagudo manifestou a preocupación da Asociación polo roubo de 'bestas' que "terminan en matadoiros clandestinos". "É moi difícil coller á xente que o fai, pero a administración sabe que existen", apuntou.

Ademais, engadiu que a creación de parques eólicos en zonas onde están estes cabalos, "ponos en risco" e " contan coma se fosen vacas de produción, cando loitamos porque estes animais estean libres no monte todo o ano".

AXUDA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

O proxecto europeo Life GrazeLIFE, liderado por Fagúndez, apunta aos cabalos salvaxes, fundamental para a conservación do ecosistema tradicional, a biodiversidade, o almacenamento de altas taxas de carbono e a prevención de incendios de Galicia.

Máis aló da Rapa das Bestas de Sabucedo, Fagúndez insiste en que o cabalo salvaxe "non está valorado culturamente en Galicia". Así, reivindica que podería tratarse dun elemento turístico "que non se está explotando, non estamos a valorar a singularidade".

Cabalos salvaxes, ou bestas, na Serra do Xistral
Cabalos salvaxes, ou bestas, na Serra do Xistral | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 RLF

Lembro aínda as bestas bravas nos montes nas terras que Ian do cabo de Fisterra a Camariñas e de Touriñán ás Paxareiras. O que non lembro é que ninguén lles chamase "cabalos salvaxes". Temo chegar a ver que mesmo mudarán o nome das "rapas das bestas" polo de "rapa dos cabalos salvaxes". As flores ventureiras non son salvaxes, as bestas bravas non son salvaxes. Por caridade, no deturpem a nosa fala!