Este libro recolle toda a información para entender a toponimia das rutas xacobeas

A Real Academia Galega (RAG) recolle nun novo volume do Seminario de Onomástica case 30 traballos sobre os nomes de lugar das rutas xacobeas de investigadores de diversas universidades europeas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) recolle nun novo volume do Seminario de Onomástica case 30 traballos sobre os nomes de lugar das rutas xacobeas de investigadores de diversas universidades europeas: 'Os camiños de Santiago, de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio'.

O libro, dispoñible de maneira dixital en academia.gal, reúne as reflexións expostas no congreso internacional co mesmo título que a institución organizou o pasado mes de setembro en Santiago de Compostela.

Segundo destacou a RAG nunha nota de prensa, o estudo da toponimia xacobea é unha forma de contribuír á súa preservación e á divulgación da súa significación, tanto no plano semántico como histórico ou sociolingüístico.

As achegas parten de distintas zonas xeográficas, diversos períodos cronolóxicos, de material literario ou de documentacións históricas, e comparten unha consciencia común da importancia da toponimia como parte do patrimonio inmaterial, explican as responsables da edición do libro, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.

"Os lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago poderían mostrar información para o peregrino, o viaxeiro ou os propios habitantes de todos estes aspectos, e as novas tecnoloxías poden contribuír a facelo, como a proposta de realizar unha aplicación baseada en códigos QR para difundila", suxiren as académicas.

A Academia destacou que as contribucións recompiladas no volume mostran que, en xeral, hai poucos topónimos específicos xacobeos, entre os que poden citarse, cun criterio amplo, 'Francos', 'Peregrinos', 'Romeu', 'Milladoiro', 'Hospital' ou 'Monte do Gozo'.

"Algúns son de clara influencia literaria, procedentes das historias de Carlo Magno e difundidos en Europa polo 'Liber sancti Iacobi' (s.XII), como 'Rolán'/'Roldán', 'Valcarlos', 'Rozavales'/'Roncesvalles'. Iso si, o nome do apóstolo difundiuse internacionalmente como topónimo: 'Santiago', creación galega difundida para todo o mundo hispánico, 'San Jaume', 'Jan Doe Jakue', 'Saint- Jacques', 'San Giacomo'...", apuntan.

Ademais, detallan, o nome de 'Santiago' chegou tamén ao léxico común: "a voz chaqueta deriva en última instancia do 'jacquet', o apelativo dado en francés ao peregino", lembra o académico de número Gonzalo Navaza no artigo que dedica ás etimoloxías xacobeas.

: 'Vos Camiños De Santiago, De Europa A Galicia. Lugares, Nomes E Patrimonio'.. RAG
: 'Vos Camiños De Santiago, De Europa A Galicia. Lugares, Nomes E Patrimonio'.. RAG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta