Un perito de Adif di que o maquinista podía ter evitado o accidente "se non lera a prensa" mentres conducía

Atribúe o accidente a unha "desatención prolongada" que era "impensable" posto que tiña "tempo" para "corrixir" o seu propio erro. Este especialista, que dirixe a empresa Airtren, ten entre os seus clientes á propia Adif.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O perito Antonio Puyol, que realizou un estudo para Avogacía do Estado (que representa a Adif) sobre o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, afirmou que o maquinista é un profesional "ben pago" e o sistema require que estea "presente e consciente" e non "lendo a prensa".

Na súa comparecencia no xuízo para determinar as causas da traxedia, que supuxo 80 mortes e 140 feridos, Puyol ratificou o seu informe e atribuíu o sinistro a unha "desatención prolongada" do maquinista, Francisco Garzón, procesado na causa xunto ao exdirector de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

"Non se podía pensar que un maquinista podía estar tanto tempo desatendendo o seu labor", aseverou, ás preguntas do avogado do Estado, que conduciron a unha conclusión final: era "incrible" que o descarrilamento, na súa opinión,se puidese producir, pero se se materializou foi por unha "desatención prolongada" da "responsabilidade" do maquinista.

Neste sentido, asegurou que "antes" do accidente "non se podía facer nada" para protexer o risco de entrar na curva cun exceso de velocidade, pero admitiu que "despois se dixo, ben, hai que facer algo para que isto non volva ocorrer".

Así, Adif "determinou que cando había un salto de velocidade importante, que se denomina cambio significativo de velocidade, entón había que sinalizalo de forma diferente e advertir ao maquinista disto, e, ademais, se era posible, porlle unha baliza". "Pero a continuación do accidente; desgraciadamente non antes, porque non aflorou", resolveu.

Previamente, este especialista, que dirixe a empresa Airtren, que ten entre os seus clientes á propia Adif, expuxo a tese de que o maquinista tivo "marxe" de "tempo" para "corrixir" o seu propio erro. De feito, apuntou á duración da chamada que recibiu do interventor ao teléfono corporativo e dixo que "non os 100 segundos, pero si da orde dos 80-90 segundos". "Non os utilizou para corrixir ese erro e mira que tiña impactos visuais, uns 20, para recoñecer e recolocarse e aplicar", esgrimiu.

O perito de Adif Antonio Puyol, no xuízo do Alvia
O perito de Adif Antonio Puyol, no xuízo do Alvia | Fonte: Europa Press

"AGORA VESE MOI OBVIO"

Tras as quendas de Allianz e Renfe, tomou a palabra a xuíza para advertir ao perito de que o subsistema de control, mando e sinalización "si pode facer algo" para mitigar o risco detectado na infraestrutura, en contra do que mantiña o experto.

"Ten que valorar o risco que implica circular cun sistema que non é de control continuo", reflexionou. "Habería medidas que os enxeñeiros puidesen definir (...) Igual que se contemplaron cando ocorreu o accidente, habería que contemplar que aquí temos un punto tan brusco no que é moi fácil chegar a 120", proseguiu.

"A CONSOLIDACIÓN DA IGNORANCIA"

"Ás veces a experiencia non é máis que a consolidación da arrogancia", espetoulle o letrado que representa a QBE, a aseguradora de Renfe. "Se se viu antes por suposto que se fixo, pero é que non se viu. Agora vemos todos moi claro que iso era un punto de perigo, pero a desatención prolongada é o verdadeiro problema, porque necesitamos ao maquinista", sintetizou o perito nunha das súas respostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta