O colectivo médico 'Batas Blancas' acusa á Xunta de incompetencia na súa xestión da sanidade pública

Desde este colectivo profesional sinalan que en Galicia houbo un enorme desenvolvemento da Sanidade privada e un menoscabo da Pública.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/02/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O colectivo profesional "Batas Blancas" sinala nun comunicado que todos os políticos e xestores sanitarios deste país non son capaces de tomar "decisións adecuadas" e teren "unha percepción equivocada da realidade, unha falta de visión estratéxica e de predición de futuro e, o que é máis grave, un desprezo absoluto para o persoal sanitario e para toda a cidadanía". Segundo o colectivo, cando máis falta fixo ter os mellores liderando a crise, "máis mediocres e incompetentes ocuparon e seguen ocupando estes postos directivos".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, | Fonte: Xunta de Galicia.

Sendo máis precisos, sinalan que a situación é moito máis grave en Galicia porque, "ao noso entender, é provocada e intencionada e, puidese, en gran parte, ser minimizada".

Sinalan que en 2009, o Sr. Núñez Feijóo accedía por primeira vez á Presidencia da Xunta de Galicia e herdaba unha Sanidade pública "que poderiamos afirmar que era das mellores de España". Equipos xestores profesionais para a Atención Primaria e para a Atención Hospitalaria, dimensionamiento adecuado, plans anuais de equipamentos e de recursos, plans de humanización, criterios técnicos e non políticos e, sobre todo, uns recursos humanos de primeiro nivel. Mesmo profesionais formados noutros centros que puxeron en marcha programas e servizos nos hospitais da nosa comunidade que foron referencia nacional.

Despois de trece anos co mesmo goberno e cun cambio de presidente, con maiorías outorgadas polos cidadáns galegos, "podemos afirmar que a Sanidade galega, nada ten que ver coa herdanza recibida".

Houbo un enorme desenvolvemento da Sanidade privada e un menoscabo da Pública, sinalan. Todos os Hospitais privados galegos familiares, e cunha cota asistencial case insignificante, hoxe son grandes grupos empresariais da saúde con ánimo de lucro que apostaron por unha Galicia cada vez con maior asistencia privada e discriminatoria.

Para Batas Blancas o deterioro comezou coa politización absoluta dos cargos directivos e de todos os mandos intermedios, incluídos todos os asistenciais. "Eliminaron os equipos directivos e a autonomía e orzamentos da Atención Primaria e dos Hospitais comarcais". Implantouse un modelo hospital centrista e supeditouse toda a asistencia sanitaria de Galicia en sete áreas sanitarias baixo o poder absoluto dun único xerente político en cada área e cun orzamento único.

"Priorizouse o investimento propagandístico de recursos estruturais e de equipamento fronte á de recursos humanos que é a básica nun sistema sanitario". Isto trouxo unha descapitalización absoluta e continuada do capital humano, provocando a crise actual cuantitativa e a que será máis importante e de difícil solución, que é a cualitativa e que polo tema Covid aínda non se fixo tan visible.

Herdouse unha Sanidade cun estado de saúde envexable e que só necesitaba medidas preventivas. Hoxe, 13 anos despois, está na UCI con necesidades de RCP. "E os nosos políticos-xestores non saben facela ou non queren, só saben aplicar coidados paliativos". Cualifican ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, como un claro exemplo desta incapacidade e que é paradigmática en todos os seus aspectos.

Non hai que xestionar a crise provocada polo Covid que só saben achacar ao Goberno da nación por non convocar máis prazas MIR. A solución a isto é xestionar o Sistema Sanitario no seu conxunto.

Piden un redeseño absoluto do Sistema Sanitario e unha visión estratéxica de futuro pensando en recuperar os principios básicos de eficiencia, eficacia, equidade e satisfacción de todos os galegos. Débese recuperar a autonomía dos niveis e centros asistenciais e despolitizar os equipos xestores e mandos intermedios, dando valor ás decisións técnicas e non políticas.

Aínda que apuntan como primeira medida a de mellorar as condicións económicas e laborais de todos os Profesionais sanitarios (Atención Primaria e Atención Hospitalaria) que traballan no SERGAS, con isto, "habería menos dificultades para a captación de profesionais e, por suposto, aumentar o investimento en Sanidade que é dos máis baixos de todas as CCAA".

Hai poucos días, unha Paciente que leva 22 meses esperando unha cita, ante a declaración que realizou o presidente da Xunta de Galicia sobre a ampliación do programa de cribado do cancro de mama, publicou unha carta de impotencia e de rabia: “Deixen de vendernos contos de fadas e salven o barco sanitario”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta