Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/02/2023 | Actualizada ás 11:06
O Goberno central publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio da licitación dos traballos para localizar o pecio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo' e gravar como se atopa na actualidade, co obxectivo de que estas imaxes axuden a coñecer as causas do sucedido.
Este anuncio prodúcese case un ano despois da catástrofe, ocorrida na madrugada do 15 de febreiro de 2022 a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), onde perderon a vida 21 dos 24 mariñeiros que traballaban no buque.
En concreto, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana estima que o valor do contrato roldará os 3 millóns de euros para buscar, localizar e inspeccionar o pecio do barco.
A propia contratación recolle que a intención é apoiar "a investigación do accidente que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim)".
Todo iso despois de que as familias dos falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas das causas do accidente. A pesar de que nun primeiro momento o Executivo dixo que cabía esperar ata que os investigadores solicitáseno, finalmente así foi.
Agora, as familias aplaudiron esta decisión, aínda que consideran que xa se puido levar a cabo o verán pasado, debido a que o mal tempo na zona obrigará a que a operación se produza na tempada estival.
"Levamos moito tempo esperando por isto. É un paso para que se consiga finalmente a adxudicación a unha empresa que poida baixar en 2023. Non puido ser en 2022, pero este ano poderase baixar ou obter todas as probas que poida haber tras un ano", indicou a portavoz dos familiares, María José de Pazo. Así mesmo, agradeceu a todas as persoas que se involucraron neste proceso e esperou que esta operación se realice "en tempo e forma".
CAUSA XUDICIAL
Tras o naufraxio do pesqueiro galego en febreiro do ano pasado, iniciouse unha causa xudicial para pescudar que ocorreu aquela madrugada, cando perderon a vida 21 persoas. Isto ocorreu despois de que un dos sobreviventes, Samuel Kwesi, ofrecese unha versión que contradí a exposta polo capitán do barco e o seu sobriño (os outros dous sobreviventes), Juan Padín e Eduardo Rial, respectivamente.
A Audiencia Nacional decidiu investigar o caso e, tras escoitar ao tres, o xuíz Ismael Moreno prohibiu saír de España a Padín, que está a ser investigado ao apreciarse indicios de 21 homicidios por imprudencia.
PARA A XUNTA "CHEGA UN POUCO TARDE"
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mostrouse este venres satisfeita tras coñecerse que o Goberno autorizou a licitación dos traballos para localizar o pecio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo' e gravar como se atopa na actualidade, co obxectivo de que estas imaxes axuden a coñecer as causas do sucedido. Con todo, a representante da Xunta cre que chega "un pouco tarde".
"Para o meu é unha satisfacción que por fin accedesen a facer esa licitación e facer as comprobacións. Cada vez que hai un accidente marítimo nós colaboramos coa comisión de investigación que ten a Dirección Xeral da Mariña Mercante disposta para estes fins", manifestou a conselleira.
Así, puxo en valor que o que se pretende coa baixada ao pecio é "simplemente ter o maior coñecemento posible de cales foron as causas" do accidente e "aprender para que esas causas que orixinaron ese accidente non se repitan en ningún outro".
A pesar disto, ao seu modo de ver, esta decisión chega "un pouco tarde", xa que "deixaron pasar a primavera do ano pasado", momento "importante" para facelo, segundo Quintana. En todo caso, Rosa Quintana sinalou que lle "satisfai" que "por fin accedan a facelo" e que se dea "tranquilidade ás familias que nestes momentos aínda seguen pendentes dese duelo das 21 persoas desaparecidas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.