Ana Pontón presenta ao candidato do BNG en Lalin, Paco Vilariño, a quen define "con experiencia e ideas claras"

A portavoz nacional, Ana Pontón, resaltou as dificultades a afrontar polo municipio, que en Lalín "coñecen moi ben", sobre todo en canto á sanidade pública.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2023 | Actualizada ás 21:09

Comparte esta noticia

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Francisco Vilariño como candidato á Alcaldía de Lalín, do que destacou que coñece o concello "como a palma da man", ademais da súa "capacidade, experiencia e ideas claras para darlle ao concello un futuro mellor nun contexto de crise".

Pontón resaltou as dificultades a afrontar polo municipio, que en Lalín "coñecen moi ben", sobre todo en canto á sanidade pública."En Lalín sabedes moi ben destes recortes, porque aínda segue pendente a vella demanda colectiva dunha ambulancia medicalizada, unha infraestrutura sanitaria básica, que pode marcar a diferenza e mesmo evitar situacións tráxicas, pero que o PP volveu vetar no Parlamento por enésima vez hai apenas dous meses", lembrou.

Con todo, sinalou, "o BNG leva anos apoiando esa reclamación social e veciñal ante un PP que lle segue dicindo non á veciñanza de Lalín, que segue instalado na súa prepotencia e na súa soberbia, un goberno do PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos, tras trece anos de recortes e privatizacións. Recortes que agora contan coa complicidade do Goberno local", lamentou.

"Lalín necesita un Goberno municipal cun liderado dunha forza política que non cale ante o Goberno da Xunta nin ante ninguén cando se trata de defender os intereses deste concello e dos seus veciños", recalcou a portavoz nacional.

Tamén no ámbito das infraestruturas, destacou a necesidade de que Lalín conte cun goberno "coherente que non rúa ante unha peaxe da AP-53 que é unha estafa". "Non vale acordarse de que é unha estafa só cando o PP está fóra da Moncloa, porque iso non é defender á veciñanza, é oportunismo político", alegou.

"Este concello necesita un proxecto de goberno capaz de aproveitar todo o enorme potencial, capaz de sacarlle o máximo partido ao seu tecido económico e produtivo", defendeu Pontón, citando como exemplo o sector agrogandeiro, "esencial" para Lalín e referente en Galicia, que necesita medidas de impulso e de apoio ao rural, incluíndo a dotación de servizos.

Igualmente, indicou, Lalín necesita un goberno que busque solucións en materia de chan empresarial, "porque xerar riqueza e emprego é fundamental para reter á xente nova, porque se a mocidade ten que marchar por falta de oportunidades, o concello perderá dinamismo económico e social".

"E para dar resposta a todos estes retos, a mellor alternativa é a que representa o BNG da man de Paco Vilariño, porque o BNG é unha forza confiable, que ten proxecto de futuro e de progreso para Lalín, que coñece as necesidades do concello e sabe como activar todo o seu potencial", argumentou.

"ALTERNATIVA GALEGA Á CRISE"

A líder do Bloque tamén destacou que a campaña das municipais ten lugar nun contexto "moi complexo", de alza de prezos que afecta a bens de primeira necesidade, prezos que soben máis en Galicia a pesar de ter salarios por baixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. "E todo isto, fronte a un Goberno do PP insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar o País adiante", indicou.

"Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos, agora máis que nunca. Temos claro que o noso país necesita un cambio de rumbo e estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, porque o BNG ten unha alternativa de País e sabe gobernar, e demostrámolo cada día desde os concellos que lideramos. Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, eficacia, solvencia e capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas. E ese é o mellor aval co que podemos presentarnos ao reto das eleccións municipais de maio", concluíu.

Ana Pontón en rolda de prensa.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Ana Pontón en rolda de prensa.. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta