Allariz recupera a súa toponimia a través das asociacións veciñais

O proxecto chámase "A Memoria das Aldeas" e está impulsado polas áreas de Igualdade e Cultura do Concello de Allariz. O traballo de recollida desenvólvese en asociacións veciñais e conta coa colaboración da plataforma 'Galicia Nomeada'.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 06/02/2023 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O proxecto "A Memoria das Aldeas" xorde en colaboración coa plataforma Galicia Nomeada e consiste na recollida da toponimia da zona coa finalidade de evitar que desaparezan os nomes das terras, regatos, penedos, fontes, xa que moitos só existen na memoria das persoas maiores.

Traballando no proxecto 'A Memoria das Aldeas'. Foto: Dpto Comunicación Concello de Allariz.
Traballando no proxecto 'A Memoria das Aldeas'. Foto: Dpto Comunicación Concello de Allariz.

A iniciativa precisa da colaboración e coñecemento de todas as persoas, dende as máis maiores ás máis novas, que queiran colaborar desinteresadamente para preservar e salvagardar o patrimonio toponímico. O xeito de que este siga vivo é a través da súa difusión e do traballo colaborativo interxeracional e así nace o iniciativa "A Memoria das Aldeas", un proxecto coordinado pola técnica de igualdade Cristina Outeiriño que botou a andar o pasado mes de xaneiro e que se alongará ata o mes de maio, percorrendo un total de 12 asociacións veciñais de Allariz.

As primeiras asociacións en participar neste proxecto colaborativo foron AA. VV. de Nanín e a de Santa Marta de Roiriz. Durante os seguintes catro meses "A Memoria das Aldeas" chegará a Torneiros, San Mamede de Urrós, Roimelo, Queiroás, Valverde, Coira, Meire, O Mato, Seoane, Outeiro e Gundiás.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, lembrou a importancia que ten recoller toda esta información para que non se perda e agradece a todas as persoas que colaboran nesta nova iniciativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta