Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/02/2023 | Actualizada ás 11:25
O Consello Nacional do BNG nomeou a Carme da Silva como coordinadora nacional da campaña electoral dos comicios municipais do 28 de maio, optando así, di, "por unha persoa con ampla experiencia política moi en particular no ámbito municipal, de feito é a responsable da área municipal dentro da Executiva". Os nacionalistas destacan, ademais, que leva desempeña un papel clave no goberno Pontevedra, formado parte do equipo de Miguel Anxo Fernández Lores "que ten convertido á cidade do Lérez nun referente de boa xestión dentro e fora de Galiza".
A formación que lidera Ana Pontón avanza así na súa folla de ruta de cara a cita electoral de maio, despois de que ter aprobado o programa marco, elixidas e presentadas ás persoas que lideran as candidaturas nas sete grandes cidades e de ter aprobado a candidatura, total ou parcialmente, en 161 concellos.
"A elección de Carme da Silva deixa as claras que o BNG concede á cita do 28M unha importancia clave para ampliar a súa base social e territorial, apostando por un perfil de experta en política municipal, representante do modelo de éxito de gobernos BNG", engade a organización frontista nun comunicado.
O Bloque di que desenvolverá unha campaña de proximidade "centrada nos problemas que preocupan á cidadanía" nun momento de dificultade marcado pola crise de prezos. Ademais, lembra que, de cara a esa cita coas urnas, a portavoz nacional está a ter unha intensa axenda de presentacións de candidatos e candidatas ao longo e ancho do País.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.