Polo menos temos saúde... ou tampouco?

Sovaldi (sofosbuvir) é o nome do medicamento que tanto está custando que os enfermos de hepatite C consigan para poder curarse, e que será administrado ao 0,6% dos afectados no noso país. Que son máis importantes, os enfermos (é dicir, as persoas), ou os cartos? Non podemos financiar o medicamento pero, que outras cousas si podemos facer? Onde están as prioridades do Goberno? Cada cuestión lévanos a outra para finalmente chegar á mesma conclusión de sempre: non atinan nin por casualidade.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 30/12/2014

Comparte esta noticia
Xa é Nadal, época de agasallos, luciñas... creando un ambiente diferente de ilusión, optimismo e, para quen pode (aínda que cada vez sexan menos), de reencontro. Se non, como se di sempre, “que polo menos teñamos saúde”. Iso desexamos todos, pero hai a quen se lle nega esa posibilidade.
 
A hepatite C é unha enfermidade infecciosa que padecen máis de 185 millóns de persoas, e da que 1000 persoas morren diariamente (só en España contamos cuns 800000 afectados, e morren 10000 persoas ao ano). Polo tanto, parece que atopar un remedio debería ser prioridade. A empresa Gilead presentou o Sovaldi xa hai varios meses. Este “medicamento milagre” (95% de eficacia), tras varias negociacións e, sobre todo, trala reclamación de moitos pacientes e da “Plataforma de Afectados pola Hepatite C” (PLAFHC), foi aprobado para o seu uso no sistema público. Non obstante, ditas negociacións, que transcorreron de modo opaco, tardaron 9 meses en completarse por parte do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, baixo o suposto mando da xa “defunta” (como ministra) Ana Mato. Ademais, os cartos designados finalmente, 125 millóns de euros, chegan para tratar a 4900 pacientes, tendo en conta o prezo do tratamento de 25000 euros/persoa. Así, as esixencias da PLAFHC (administración do tratamento cando menos aos 35000 cirróticos que se calcula hai en España) non se ven apenas cumpridas. Non son poucos os casos de persoas con penosas situacións ou que xa viviron a aplicación de tratamentos infrutuosos aos que non se lles prescribe o fármaco por “non estar suficientemente enfermos” ou aos que, aínda prescrito o medicamento, este non chega. Dende a Plataforma temen o peor, como que a partida presupostaria non exista, que os remedios cheguen tarde para algúns enfermos... En resumo, parece que asistimos ao enfrontamento dos criterio médico e económico.
 
Unha vez máis, parece que o Goberno ten un problema no momento de enfrontar as súas prioridades. Reducimos I+D e condenamos a investigación neste país á ruina, recortamos en sanidade arriscando a vida dos seus habitantes (por exemplo, co tema do ébola), e agora deixamos de lado aos enfermos de hepatite C, que se non se queixaran seguirían sen tratamento. “Cos novos fármacos, a hepatite C podería pasar de ser un problema crónico a desaparecer”, dicía un especialista do Hospital de Cruces de Bilbao. 
 
Dende un punto de vista que comprende a situación deste país, preguntámonos se todos e cada un dos gastos que se afrontan dende o ámbito público son máis importantes que a saúde e a vida dos cidadáns. Dende EQUO, reunímonos coa Plataforma de Afectados para coñecer de primeira man a súa situación, e esiximos que o Goberno fixera efectiva (non só de palabra) a suposta vontade de axudalos. Moitos enfermos e achegados dos mesmos decidiron pecharse no “Hospital 12 de Octubre” en Madrid continuando coa protesta e loitando pola dignidade dos pacientes. Esperamos que o desenlace desta situación remate da mellor forma posible, e mandámoslles todo o noso apoio a todas aquelas persoas que por culpa desta cuestión están a pasar unhas festas agridoces.
 
Por outro lado, esta situación no ámbito sanitario fai que a preocupación se agoche tras cada esquina. Acontecerá o mesmo con futuros tratamentos para o cancro, diversas enfermidades neurodexenerativas... cando sexan descubertos? Haberá farmacéuticas (á marxe dos gastos evidentes que supón crear novos medicamentos) que teñan como única prioridade o propio beneficio? Haberá Gobernos para os que o tema non sexa unha prioridade? En definitiva, debemos estar preparados para todo canto poida acontecer, porque o sentido común, ese “sexto sentido” que cando menos os gobernantes deberían ter, presenta tendencia a brillar pola súa ausencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia