A presidenta da Deputación de Pontevedra, contundente: "Ence non debería estar na ría"

Acusa ao PP e á Xunta de "carecer dunha política industrial moderna" e apostar por unha política "depredadora do medio ambiente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2023 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra e presidenta PSdeG, Carmela Silva, avogou por "manter as conviccións" e reafirmouse en que "Ence non debería estar na ría de Pontevedra".

Fronte ao discurso do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e do portavoz local dos socialistas pontevedreses chamando a acatar a sentenza de ENCE e "mirar para o futuro", Silva quixo recalcar "con claridade": "Eu nunca me contradigo co que defendo".

"Son unha persoa que tenta manter as súas conviccións nun mundo no que é difícil manter as conviccións e no que tanta xente as cambia dun ano para outro", dixo a mandataria socialista. "Hai que ter unha posición clara. A miña sempre foi que Ence non debería estar na ría de Pontevedra e que tiñamos que recuperar a ría de Pontevedra. E esa segue sendo e seguirá sendo a miña posición. E ademais estou orgullosísima de que esta sexa a miña posición", remachou.

Carmela Silva fixo referencia expresa ao Partido Popular, "que defendeu o traslado" e logo "cambiou a súa posición", a uns meses das municipais de 2015. "Eu manteño as miñas posicións", engadiu.

A preguntas dos xornalistas, Carmela Silva fixo estas declaracións este mércores no inicio das obras de demolición das edificacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial para a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba.

SORPRENDIDA POLO FALLO

A presidenta da Deputación mostrouse sorprendida polo fallo do Tribunal Supremo que avala que a fábrica se manteña en Lourizán, anulando a sentenza da Audiencia Nacional que tombou a prórroga concedida á pasteira polo Goberno de Mariano Rajoy en 2016. "É difícil ter unha posición sobre unha sentenza que non coñecemos e na que tamén hai un voto particular", apuntou.

Neste contexto, a presidenta provincial incidiu en que "a xente que se dedica ao público" e que "goberna" e representa "o interese xeral", debe decidir que política industrial" quere: se unha "depredadora do medio ambiente" ou unha "moderna, avanzada, respectuosa coa contorna", que é a que defende a Deputación de Pontevedra, segundo indicou.

Silva destacou que no goberno provincial, que comparte co BNG, queren "industrias limpas, comprometidas co medio ambiente" e ademais, engadiu, "que se recuperen os espazos degradados por empresas que se asentaron no territorio e que non tiveron en conta para nada estes valores que hoxe son imprescindibles".

"Se non o facemos nós, vaino a facer a natureza, máis pronto que tarde", insistiu, para lembrar a seca vivia o último ano, "que obrigou a esa empresa a ter que paralizar a súa actividade". Por iso, animou a "reflexionar como sociedade".

Tamén acusou ao Partido Popular e á Xunta de Galicia de "carecer dunha política industrial moderna e avanzada", e de non ser capaces de traer á Comunidade "industrias respectuosas coa contorna, con valor engadido".

"Desde a Deputación e eu mesma sempre mantiven a mesma posición, a miña é a defensa da ría de Pontevedra e a conveniencia da saída de Ence a outro lugar que non dane o medio ambiente", recalcou finalmente.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. RAFA ESTEVEZ / DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. RAFA ESTEVEZ / DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta