Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/02/2023 | Actualizada ás 19:58
As produtoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual unen as súas forzas nunha nova cooperativa para ofrecer un dos catálogos musicais máis amplos en galego. Os estilos que acolle esta nova cooperativa van desde os proxectos máis singulares da escena trad, rock, pop, gipsy jazz ou electrónica do país.
Entre os grupos que acolle Nave de Lata están Ataque Escampe, Berto, Caldo, David Regueiro, Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Moura ou Ruxe Ruxe son algunhas das bandas coas que traballan as promotoras.
“O sector da industria musical en Galicia quere expandir os sons e ritmos galegos polo mundo adiante”, así din desde Nave de Lata. Por este motivo as promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual decidiron unir as súas forzas para materializar Nave de Lata. “Unha sociedade que agroma como especializada na representación de artistas da escena galega, así como no acompañamento da súa carreira profesional”.
Ao abeiro da unión entre as promotoras de Aitana Cuétara e Rubén Otero (Luneda Producións) e Manuel Tarrío (Tremendo Audiovisual), Nave de Lata acompañará a traxectoria de artistas e bandas cun fondo compromiso coa cultura galega.
“Somos dúas axencias ben coñecidas no panorama cultural de Galicia, especializadas na música tradicional, folk, do mundo ou jazz, como é o caso de Luneda; ou que atende ao pop, rock e electrónica, como é co caso de Tremendo”, apunta Manuel Tarrío, quen sinala que Nave de Lata “tamén producirá eventos relacionados coa difusión e promoción da música e da cultura galega”.
Neste sentido, a cooperativa manterá a súa aposta por outras iniciativas impulsadas polo equipo. É o caso dos festivais Jazz de Ría e Psicotroita, as xornadas sobre patrimonio sonoro O que non se escribe, do desenvolvemento de espazos de creación e asesorías artísticas así como da produción doutros eventos.
“Desde fóra pode semellar que Luneda e Tremendo son moi diferentes a nivel estético e case conceptual, mais nós entendémolas como dúas caras da mesma moeda, dous estilos complementarios”, afirma Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións, quen asevera, citando un dos últimos temas de Familia Caamagno, que “xuntas somos máis fortes”.
Para máis información sobre a nova cooperativa cultural Nave de Lata e as promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, pódese consultar o espazo web www.navedelata.gal
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.