Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027 busca "adaptar a xestión da auga ao cambio climático"

Este plan inclúe novidades normativas para preservar masas de auga e establece medidas contra o uso abusivo da auga

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2023 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este venres a aprobación do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 que entra en vigor como unha folla de ruta con rango de lei "para lograr que o 100% das masas de auga da conca alcancen o bo estado".

Segundo trasladou a Xunta nun comunicado, trátase dun instrumento de planificación que ten "moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático", tanto no relativo "ao risco de inundacións como aos episodios de seca".

Así, este Plan, que ten unha vixencia de 6 anos, "permitirá velar pola calidade de todos os ríos que nacen e morren na comunidade, das augas costeiras asociadas e das augas de transición".

En total, o documento recolle un programa de 212 medidas, cun investimento de 1.885 millóns de euros. Destas medidas, un total de 110 de financiamento autonómico, polo que a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.

Deste xeito, o plan contén 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais.

NOVIDADES DO PLAN

Ademais, inclúe novidades normativas para preservar masas de auga, como a limitación de plantacións en zonas de servidume do dominio público hidráulico. Deste xeito, daranse facilidades aos cidadáns para realizar plantacións, sementeiras ou traballos de mantemento en zona de policía pero fóra de servidume.

Tamén recolle unha maior protección das masas da auga cunha mellor xestión dos xurros, establecendo a obrigatoriedade de impermeabilizar o seu almacenamento e cubrilos adecuadamente, para evitar posibles verteduras ao medio.

En canto aos caudais ecolóxicos, incorpóranse diversas previsións para contribuír a clarificar a súa aplicación así como o control do seu cumprimento. Así, establécense medidas contra o uso abusivo da auga.

Un grupo de piraguistas nun encoro galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un grupo de piraguistas nun encoro galego. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta