Estas son as propostas do BNG para "pór o país a producir" e loitar contra o abandono e despoboamento do rural

Ana Pontón presenta nas Neves (Pontevedra) un paquete de medidas contra a "morte lenta" do agro que atribúe a "políticas do PP"

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/02/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Baixar as cotas aos autónomos e dar axudas de 15.000 euros ao ano a empresas que se asenten no rural, mobilizar máis de 100.000 hectáreas de terreo e apostar polo I+D+i son algunhas das propostas do BNG que buscan "xerar riqueza e emprego no rural", fronte á "morte lenta que significan as políticas do PP".

Estas medidas lanzounas a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, durante unha xornada de xestión do territorio organizada pola formación nacionalista nas Neves (Pontevedra). Con ese obxectivo de "pór o país a producir" e loitar contra o abandono e o despoboamento, Pontón defendeu unha serie de propostas que inciden en rebaixas tributarias e axudas directas para favorecer a implantación de negocios nestas zonas.

Neste contexto, o BNG propuxo baixar cotas do autónomos, "porque non é o mesmo emprender desde o centro dunha gran cidade que desde un pequeno concello do rural". De igual modo, os nacionalistas defenden a redución da fiscalidade para compañías que se instalen en núcleos de menos de 10.000 habitantes, teñan menos de 10 traballadores e a súa facturación non chegue aos dous millóns de euros; así como a creación dun 'Tícket Rural' que consistiría nunha axuda de 15.000 euros anuais durante cinco anos para facilitar o financiamento de proxectos con sede e domicilio fiscal en municipios rurais.

UN TERRITORIO "ORDENADO" E "PRODUTIVO"

Para conseguir un territorio "ordenado", "coidado" e "produtivo", Ana Pontón suxeriu desde As Neves recuperar superficie agraria útil: "Porque é un disparate ter unha gran parte do territorio abandonado e despois importar case o 50 por cento dos insumos".

A portavoz nacional mencionou que só "o 4 por cento" da superficie galega está dedicada a producir alimentos para consumo humano mentres que "o 60 por cento" está forestada, "da cal un 20 por cento está ocupada polo eucalipto".

Ante esta conxuntura, o Bloque propón un plan para mobilizar terra agrícola abandonada, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras forestadas "ilegalmente".

MENOS BUROCRACIA E MÁIS I+D+i

Así mesmo, entre as propostas nacionalistas tamén figuran eliminar burocracia e apostar polo I+D+i no rural, a través de centros de apoio e acollemento que presten asesoramento integral e adaptado ás necesidades do século XXI. Con respecto ao monte, Pontón propuxo que sexa "multifuncional" e "fonte de riqueza", lonxe de constituír "unha ameaza polo seu estado de abandono e polo seu nivel de eucaliptización".

"Un monte ordenado e multifuncional sería, ademais, a maneira máis eficaz de loitar contra os lumes, tendo en conta que un monte abandonado converte Galicia nunha polvoreira, con consecuencias dramáticas no medio ambiente pero tamén para a seguridade das persoas", explicou a líder do Bloque.

Xunto a todo iso, Ana Pontón incidiu na importancia de ter servizos públicos "de calidade" e "propios do século XXI" no rural, para o que comprometeu unha política de discriminación positiva.

Fotos Anaponton Xornada Territorio. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Fotos Anaponton Xornada Territorio. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ricardo R.

Unhas proposta de puro sentido común: baixar impostos, reducir burocracia. As firmaría Vox.