Deteñen a dous homes en Santiago cun quilo de cocaína nun coche con dobres fondos

Nos rexistros posteriores tamén se localizaron un vehículo de alta gama e 12.000 euros en efectivo

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/02/2023 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Santiago de Compostela detiveron a dous homes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública despois de descubrilos cun paquete de cocaína oculto nun vehículo 'caleteado'.

Segundo informaron fontes policiais, a detención produciuse na noite do pasado mércores, cando os sospeitosos foron interceptados nun coche, no marco dun control á entrada da cidade da Santiago.

Tras un exhaustivo rexistro, os axentes observaron "algo estraño" nun dos laterais da porta traseira do coche. Alí localizaron escondido un paquete con forma de ladrillo dunha sustancia en po, que resultou ser cocaína. Para acceder ao oco ('caleta) onde viña oculta e poder extraer o paquete foi necesaria a presenza dun profesional con coñecementos de mecánica.

Tras esta detención, no marco da investigación posterior, realizáronse dous rexistros, un en Santiago e outro en Boiro. En total, o operativo saldouse cun quilo de cocaína comisada, un vehículo de alta gama e máis de 12.000 euros en efectivo. Segundo apuntaron fontes policiais, a droga incautada podería superar as 40.000 doses unha vez introducida no mercado ilícito, e un valor superior aos 50.000 euros.

Droga e diñeiro comisados nun operativo da Policía Nacional en Santiago de Compostela
Droga e diñeiro comisados nun operativo da Policía Nacional en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta