Podemos? Si, por nós mesmos

Na Irmandade da Sanidade Galega vimos de celebrar hai ben pouco a cuarta asemblea xeral, na que se homenaxeou a obra e figura do Dr. López Nogueira, polo seu labor a prol da nosa lingua. A existencia da ISG é, en si mesma, unha anomalía necesaria. Anomalía por canto irmanarse para defender o uso normalizado da lingua propia do país, nunha actividade tan esencial como a sanitaria, parecería algo incomprensíbel e mesmo extravagante. Necesaria por canto a nosa lingua esmorece.

Por Alberte X. Araúxo | Nigrán | 03/01/2015

Comparte esta noticia
Tamén no ámbito sanitario. Necesaria tamén porque cómpre restarlle forzas ao colaboracionismo lingüicida. A misión e obxectivo da ISG é “traballar e  implicar aos profesionais da medicina no fomento da lingua de noso, o galego, que é a lingua do pobo e no humanismo da tradición médica galega”. É dicir, promover entre os irmandiños o uso do galego en toda a actividade sanitaria, tanto na fala como na escrita. Porque sucede que, tamén na relación cos doentes, malia estos falar galego, o castelán priorízase. E se ben o galego está presente na relación cos pacientes, é testemuñal nos documentos médicos e nas actividades científico-asistenciais. Paradoxalmente, existe un coñecemento extenso da nosa lingua entre os profesionais sanitarios, como nunca sucedera, xa que os máis novos estudaron a nosa lingua, tendo plena competencia para falala e escribila. O galego segue a ser a lingua maioritaria dos usuarios dos servizos públicos sanitarios, mentras que o seu uso normalizado por parte dos profesionais sanitarios é excepcional. 
 
Os datos da recente enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego son preocupantes. O galego está máis ameazado que nunca, ao deixar de ser lingua de uso cotián entre os máis novos, ficando comprometida a continuidade xeracional. Sobre esa enquisa téñense escrito barbaridades que avergoñan a calquera cun pensamento minimamente riguroso. É difícil apostar por cal apunta máis alto en frivolidade e tendenciosidade. Nun bo posto, sen dúbida, a dun colérico e mediático profesor universitario, acusando aos que empregamos o galego e o defendemos, de seren responsabeis da súa agonía – en qué estudos basa a súa opinión este señor profesor?-. Non lle queda lonxe a do presidente da Xunta, Núñez Feixóo, deitando culpas no lombo dos pais de nenos e mozos. Qué lucernario o deste individuo!. El nunca estivo comprometido na defensa da lingua: nin pola súa deficiente e sistemática torpeza na fala, nin pola súa devoción como lector, nin pola política lingüística do seu goberno. Non cómpre afondar nas opinións do Conselleiro de Educación e Cultura e do seu equipo, militantes na impostura e cinismo do seu presidente. Mais estas falsedades na interpretación da enquisa do IGE xa foron respostadas abondo por persoas de amplo coñecemento e rigor, nun abano plural de posicionamentos ideolóxicos (P. García Negro, F. Rodríguez, X. L. Franco Grande e V. Freixanes, entre outros). A ninguén se lle escapa xa, por ter sido argumentado, demostrado e mesmo anticipado, que os cambios sociolóxicos e culturais, condicionados pola situación política e económica de Galiza no Estado español, xunto ca estratexia calculada contra o galego por parte dos gobernos do PP, están na raíz e causa da peor situación da nosa lingua na súa historia. Nada a ver ca evolución seguida polo catalán e o éuscaro: linguas que contaron e contan co apoio explícito, certo, planificado e riguroso do poder político. Para o PP o galego é un idioma de segunda, cun papel de segunda, nun país de segunda. É o seu credo real. Por iso, xa só por iso, cómpre esforzármonos para mudar un goberno que, ademais de empobrecernos, non aforra esforzos para esnaquizar o noso ben cultural máis prezado: o galego.
 
Tristemente a preocupación polo futuro do noso idioma aumenta nestes tempos de cambio certo, ao coñecer o posicionamento de destacados dirixentes de Podemos. As declaracións na prensa de Carolina Bescansa-compostelá residente en Madrid, e Secretaria de Análise Política da dirección dese partido- sobre a normalización do galego, son decepcionantes. Despois de facer unha defensa teórica do importante papel das linguas e da cultura –discurso da esquerda española nada novedoso-, sitúa a política de normalización lingüística na Galiza dentro do “por decidir”. Un posicionamento de ambigüedade calculada que sempre agroma cando o tema lles proe. C. Bescansa, moi presente estos días nos medios de comunicación galegos, completa o seu círculo de opinións minimizando a importancia dos dereitos políticos da nosa nación, cunha demagóxica e falsa confrontación ao respecto doutras preocupacións supostamente máis reais. Cántas veces téñense escoitado neste país eses argumentos para deslexitimar todo o que soe a elemento diferencial, identitario e de reivindicación soberanista, como se de aspectos secundarios se tratase?. Vetusta argumentación. Trátase novamente de difuminar e negar todo o que sitúe a Galiza como suxeito político. Comezando pola súa lingua. Cómpre non esquecer que a dirección de Podemos –o seu Consejo Ciudadano- está integrada masivamente, en máis dun 70%, por persoas das comunidades de Madrid e Castela. Se esas opinións son as que asume Podemos, situaríase na ben coñecida tradición da esquerda española, centralista e uniformizadora. Sería unha terríbel decepción, por máis que se definan programaticamente con plantexamentos de esquerda radical no social e no económico. Non sería unha boa noticia para o noso idioma, nin para o noso país. Na defensa do noso, da nosa lingua tamén, poderemos por nós mesmos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberte X. Araúxo Vilar Alberte X. Araúxo Vilar (Pontevedra, 1961) Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Psiquiatría polo Hospital Clínic i Universitari de Barcelona. Foi profesor de Psicopatoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente realiza a actividade asistencial no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde tamén imparte docencia universitaria en Clínica Psiquiátrica como Profesor Asociado de Ciencias da Saúde da USC. Autor de numerosos capítulos de libros y publicacións en revistas especializadas, no campo da psiquiatría e a saúde mental. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.