2.000 estudantes e máis de 15 horas en directo para celebrar o Día da Radio

A efeméride foi unha oportunidade para a celebración do recoñecemento da UNESCO ao modelo de boas prácticas co patrimonio de Ponte...nas Ondas!

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2023 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

Máis dun cento de centros educativos participaron e dinamizaron este #DíadaRadio diante dos micrófonos cos seus programas, e cerca de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebraron xuntos o Día Mundial da Radio con Ponte nas Ondas

Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas!
Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas! | Fonte: Ponte nas ondas

Así, este luns 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e nortede Portugal, realizáronse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga foron centros emisores a onde asistiron moitos centros educativos a realizar programas.

"É un ano moi especial e sentímonos moi alegres porque estamos celebrando ese recoñecemento da UNESCO como modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. Un recoñecemento ao traballo de moitos centros educativos, docentes, e tamén familias que ao longo destes xa vinte e oito anos foron tecendo unha rede de complicidade arredor do patrimonio común galego-portugués", subliñou Santiago Veloso, coordinador da asociación.

O portal ESCOLAS NAS ONDAS recolleu as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) e tamén ofreceu ducias de pezas radiofónicas elaboradas por moitas escolas galegas e portuguesas nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride. Toda esta actividade radiofónica escolar pode escoitarse de novo no propio portal escolar da asociación.

DOTAR DE PERSOAL ÁS EMISORAS LOCAIS

Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio este luns 13 de febreiro, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tamén quixo lembrar que a eliminación de emisoras locais deteriora o importante labor que ten a radio como medio de proximidade, e reivindica a necesidade de dotar de recursos humanos aos seus cadros de persoal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta