Falan as vítimas de Angrois: "Foi un pesadelo, como unha bomba atómica ou un terremoto"

Declaran "moito dano irreparable" e unha "ferida aberta". O portavoz dunha asociación de vítimas valora arrepentimento do maquinista tras reunires con el. As primeiras en declarar foron unha nai e a súa filla, que provocaron as bágoas da xuíza

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2023 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

As vidas "truncadas" polo accidente do tren Alvia, ocorrido hai case 10 anos no barrio compostelán de Angrois, comezaron este martes a desfilar pola sala na que se celebra o xuízo que trata de determinar, ademais das responsabilidades penais polos 80 mortos e os 140 feridos, a reclamación por danos e prexuízos, que ascende a uns 57,69 millóns de euros.

Un "pesadelo", coma se caese "unha bomba atómica" e algo similar a "un terremoto" foron expresións coas que as vítimas e os seus familiares trataron de describir o escenario da traxedia, a poucos quilómetros da capital galega, a poucas horas de que se festexase o Día de Galicia.

A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil ascende a case 57,69 millóns e as entidades contra as que se dirixe son QBE (aseguradora de Renfe) e Allianz (de Adif). Ao comezo da acción civil, este martes, declararon un total de 15 persoas, afectados na súa propia pel ou familiares das vítimas, entre as que se atopaba o presidente da asociación de prexudicados Apafas, Cristóbal González.

Persoas cunha pancarta que pide xustiza para as vítimas do accidente de tren en Angrois nunha manifestación en Santiago de Compostela
Persoas cunha pancarta que pide xustiza para as vítimas do accidente de tren en Angrois nunha manifestación en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

NAI E FILLA: "NON HAI DIÑEIRO QUE CHE DEA UN POUCO DE PAZ"

As dúas primeiras en declarar, en calidade de testemuñas, foron nai e filla, que relataron por videoconferencia, a primeira o vivido ao ir no Alvia, e a segunda os instantes dramáticos ata que puido ver á súa proxenitora no hospital ao que fora trasladada con "moitísimas lesións".

Ambas testificaron, a preguntas do seu avogado,que a muller maior decidiu ir en tren en lugar de en coche porque era "máis rápido, máis cómodo e máis seguro". "Non hai diñeiro que che dea un pouco de paz", subliñou a filla, cara ao final das preguntas do letrado.

Nese momento, a xuíza secouse as bágoas cun pano. "É a primeira e xa estou a chorar", sinalou. O xulgado admitiu as declaracións de 522 testemuñas nesta fase do proceso e comparecerán unha media de 15 ao día.

O PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE VÍTIMAS VALORA O ARREPENTIMENTO DO MAQUINISTA

Cristóbal González, o presidente da asociación Apafas de prexudicados polo accidente do tren Alvia, revelou que se reuniu co maquinista Francisco Garzón.  Ao final da comparecencia un dos avogados da defensa do maquinista preguntou a González se se reuniu con Garzón. 

Gonález respondeu que si, que tivo "a ocasión de falar con el" e que "quería coñecelo", xa que, como condutor, tamén era "un viaxeiro afectado" polo sinistro. "Citámonos aquí a través dos nosos avogados, en Santiago", revelou, ante o que interveu a xuíza, para reprender ao avogado polo obxecto do seu interrogatorio.

"Axudoulle?", insistiu con todo o representante de Francisco Garzón. "En certa medida, compráceme o arrepentimento e o sufrimento que esta persoa tiña", confesou Cristóbal González. "Recordo que lle está acusando de delitos", resolveu a xuíza.

"É UN PESADELO"

"A xente esqueceuno. Nós seguímolo lembrando e sufrindo. Non hai un día que non te acordes un pouquiño daquel accidente. É un pesadelo". Así se pronunciou ao comezo da súa comparecencia o portavoz da asociación. Militar retirado, explicou as lesións físicas e psicolóxicas que sofre polo ocorrido.

González, militar retirado, viña facendo o Camiño de Santiago e a súa única equipaxe era a súa bicicleta, que, segundo confesou, aínda ten en casa "aínda embalada" e "chea de sangue, inservible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta