A 'Furgoteca', unha biblioteca móbil para "achegar a lectura" ao rural

A furgoneta contará con 500 exemplares de libros e irá a 20 concellos de Ourense e Lugo

Por E.P. | Galicia | 14/02/2023 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A 'Furgoteca', o novo servizo de bibliotecas móbiles financiado pola Xunta, iniciará a súa actividade a finais do mes de febreiro e "achegará a lectura", mediante unha furgoneta con 500 exemplares libros, a municipios do rural de Ourense e Lugo que non dispoñen de servizo de biblioteca permanente.

Así o anunciou este martes o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a presentación deste proxecto celebrada na Cidade da Cultura, onde se mostraron as dúas furgonetas "cheas de libros" que percorrerán a comunidade.

Rodríguez explicou o funcionamento das bibliotecas móbiles que, cada 15 días, visitarán unha zona dos concellos diferente. No seu primeiro achegamento, 'A Furgoteca' asentarase na capitalidade municipal. Ao cabo de dúas semanas, este servizo volverá ao municipio e realizará un percorrido polas aldeas e parroquias.

A 'furgoteca', a nova biblioteca móbil da Xunta
A 'furgoteca', a nova biblioteca móbil da Xunta | Fonte: Europa Press

500 EXEMPLARES DE LIBROS E OUTROS SERVIZOS

Neste sentido, o conselleiro destacou que a colección inicial das 'Furgotecas' tamén proporcionará películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais.

Así mesmo, este servizo terá conexión a Internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. 

20 CONCELLOS

A iniciativa visitará 20 concellos en total. En concreto, en Lugo estará en Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Na provincia de Ourense os municipios son Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta