Pontevedra crea un gran balcón verde sobre o Lérez

O edil socialista Iván Puentes quere facer da antiga ponte do ferrocarril que pasa por esa zona nun gran espazo de lecer que se integrará na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 18/02/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Pontevedra tamén terá o seu balcón sobre o Lérez. O tempo soleado desta última semana permitiu que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Iván Puentes lle dese un importante impulso ao proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, que permitirá convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra. 

Avanzan as obras para converter a antiga ponte do tren que cruza o Lérez nun gran espazo verde
Avanzan as obras para converter a antiga ponte do tren que cruza o Lérez nun gran espazo verde | Fonte: remitida

A empresa adxudicataria, Elsamex, que executa os traballos cun orzamento de 185.130 euros, xa ten moi avanzadas as obras do sendeiro accesible entre a praia fluvial e as vellas vías, coa previsión de finalizalas nos vindeiros días e de comezar, a continuación, a construción do muro de mampostería dotado de varanda que fará máis seguro todo este traxecto.

As obras foron visitadas polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, quen amosou a súa satisfacción pola “boa marcha dun proxecto que xa toma forma” e que fará posible que “a antiga ponte do ferrocarril quede convertida esta mesma primavera nun fermoso balcón sobre o río Lérez”. 

ESPAZO VERDE

O proxecto, cofinanciado nun 80% pola UE con fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi), traducirase nunha reestruturación de toda a ponte. Haberá tamén unha escaleira de madeira que subiría directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial ata a cota da antiga vía ferroviaria nese mesmo punto.

Iván Puentes nas obras que convertirán a antiga ponte do tren que cruza o Lérez nun gran espazo verde
Iván Puentes nas obras que convertirán a antiga ponte do tren que cruza o Lérez nun gran espazo verde | Fonte: remitida

Ademais, contará cun axardinamento e tratamento con especies arbustivas de todo o noiro existente entre a cota da vía e a da avenida de Bos Aires, a iluminación de todo o contorno e un tapiado provisional da boca do túnel que dá cara á parte de Lérez para gañar en seguridade e a nivel paisaxístico. 

Iván Puentes agarda que, nun futuro, o sendeiro que percorrerá o miradoiro sobre o río teña saída na beira da parroquia de Lérez, coa que se conectará a ponte co camiño que baixa pola marxe dereita do río, cun novo paso peonil e ciclista entre Lérez e Monte Porreiro. As obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril terán continuidade e completaranse con outras actuacións que se acometerán mediante a subvención de 2 millóns de euros concedida ao Concello para o desenvolvemento do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta