A Xunta agarda que Madrid "non cree máis incertezas" sobre Ence tras o expediente da UE ás concesións no litoral

Ence di que o expediente non lle afecta. Fernández Lores e Carmela Silva cren que o tirón de orellas de Bruxelas "confirma" a súa postura sobre a papeleira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O expediente aberto pola Comisión Europea contra España polas concesións a industrias no litoral e que pode afectar directamente á prórroga de Ence na ría de Pontevedra abriu unha nova fronte na política galega. O presidente da Xunta apresurouse este xoves a confirmar que a concesión a Ence ata o 2075 estaba xa resolta por unha "contundente" decisión do Tribunal Supremo. Con todo, os partidos da oposición e entidades sociais cren que o expediente da UE confirma que a decisión do alto tribunal está equivocada e que pode ser recurrida.

O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra
O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press

O pasado mércores coñeceuse o inicio dun procedemento de infracción contra España por falta de transparencia nos procedementos de adxudicación de concesións no dominio público marítimo terrestre do litoral e porque cre que as prórrogas sen xustificación son "contrarias" ás regras da Unión Europea (UE). A lei española permite ampliar ata 75 anos as concesións de restaurantes e industrias.

"Non temos coñecemento deste expediente e pedimos ao Goberno central, que terá acceso máis directo ca nós, que o facilite e difunda", dixo Rueda este xoves tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. En todo caso, matizou que, "polo que se sabe, só se refire ás prórrogas automáticas e non xa as concedidas". Algo que, para a Xunta, non afectaría a concesión a Ence e á sentenza do TS. "O que xa se pronunciou sobre isto é o TS e agardamos que o Goberno central non caia na tentación de serguir contradecindo --a sentenza-- nin cree máis incerteza", apuntou.

Ademais destacou que o proxecto de lei do litoral non entraría en colisión con expediente aberto pola UE porque a normativa básica é a estatal. "Só se refire a prórrogas automáticas e estou convencido de que o TS coñecía estas circunstancias cando tomou a decisión e creo que non ten incidencia en Galicia. O que temos que facer é dar lexlislación básica e tomar decisións que non vaian en conra da lei", suliñou.

ENCE

Pola súa banda, Ence descarta que o procedemento de infracción poida afectar á prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra. Nun comunicado, a compañía lembra que a legalidade desta prórroga --concedida ata 2073 polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy-- foi avalada polo Tribunal Supremo nun fallo deste mes de febreiro, "sen que se vexa afectada por modificacións lexislativas que poidan ter lugar con posterioridade".

"Mesmo nun hipotético escenario futuro no que, como consecuencia deste procedemento, España tivese que modificar finalmente a súa Lei de Costas, dita modificación non tería en ningún caso carácter retroactivo: é dicir, aplicarase a futuro, pero non ás concesións cuxas prórrogas foron concedidas con anterioridade, como é o caso da prórroga extraordinaria da concesión de Ence Pontevedra", sostén a compañía.

Respecto diso, remarca que o Tribunal Constitucional, nunha sentenza do 5 de novembro de 2015, "ratificou a constitucionalidade do réxime das prórrogas extraordinarias" establecido na Lei de Costas de 2013.

CRÍTICAS DE LORES E SILVA

Pola contra, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, considerou que o expediente da UE "confirma" a postura que mantén o goberno local pontevedrés sobre a fábrica da pasteira Ence, cuxa continuidade na ría pontevedresa ata 2073 foi avalada polo Tribunal Supremo."Para nós é positivo porque coincide plenamente coa loita que estamos a levar para recuperar eses terreos", dixo o rexedor pontevedrés.

"Confírmase, reafírmase e aválase o noso posicionamento, que é serio e rigoroso", engadiu o alcalde do BNG, que asegurou que no goberno local de Pontevedra está "convencido do que está a facer e con todo o orgullo do mundo".

Sobre este mesmo tema tamén falou este xoves a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que reiterou a súa posición en contra da continuidade da fábrica de Ence en Lourizán e incidiu en que o aviso da Comisión Europea demostra que os socialistas pontevedreses están "no lado no que hai que estar". "Temos a razón en defender que os lugares máis valiosos da natureza teñen que ser recuperados, incidiu Silva.

ADHESIÓN Á ALIANZA INDUSTRIAL GALEGA DO HIDRÓXENO VERDE 

Por outra banda, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou este xoves na firma da adhesión de Ence á Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, onde destacou que a súa incorporación supón "dar un novo paso para converter a Galicia nun polo de atracción de investimentos".

Uría lembrou que a Alianza conta xa coa participación de máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais e incidiu na importancia da colaboración público-privada para "facer de Galicia unha rexión de referencia internacional neste ámbito".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta